Configuración da intimidade en Flickr
Configuración da conta
Comezaremos configurando a intimidade da nosa conta en xeral. Isto faise dende «Tú → Tu cuenta». Unha vez alí, visualizaremos unha páxina como a seguinte:
Nesta primeira lingüeta, «Información personal», comezaremos accedendo á ligazón que está escollida na imaxe anterior, «edita a quiénes tienen permiso y que tienen permiso a ver en tu perfil». A configuración predeterminada non é moi axeitada (imaxe da esquerda), así que deberemos cambiar polo menos o valor dos últimos dous campos para restrinxir dita información a amigos e familiares (imaxe da dereita).
320px | 320px |
Unha vez efectuados os cambios, premeremos no botón azul que di «Guardar cambios». Isto devolveranos á páxina anterior. Agora premeremos na seguinte ligazón, a que di «si se puede buscar». Descubriremos que de primeiras Flickr permite que calquera poda atopar as nosas imaxes (imaxe da esquerda). Pero se trata de sermos nós quen elixamos con quen as queremos compartir, polo que deberemos proceder a marcar as dúas primeiras caixas que aparecen na páxina (imaxe da dereita).
320px | 320px |
A continuación premeremos no botón azul, «Guardar». Curiosamente (un punto para Yahoo) de maneira automática seremos dirixidos á seguinte lingüeta que nos interesa, «Privacidad y permisos». Agora vaiamos por partes. Na primeira sección, estes son os valores predeterminados:
O primeiro punto podemos deixalo tal cual ─non ten efecto mentres esteamos a utilizar unha conta de balde─, pero podémolo configurar “por se acaso” para que quede limitado aos nosos amigos e familiares. As nosas fotos son nosas, polo que no segundo punto deberemos deixar claro que só nós as compartiremos, no quinto que só nós as utilizaremos no noso blogue, e no sexto que non queremos que se utilicen en exposicións (temáticas) de fotos. Respecto a quen pode agregarnos a unha foto (terceiro punto), deixarémoslles en principio ese privilexio a todos os nosos contactos. No punto sobre a impresión das fotos (cuarto) debemos indicar que dito privilexio só nós corresponde a nós ─e non fai falla sinalar país ningún─. Asemade, deberemos protexer certa información que non ten sentido revelar, ocultando os datos EXIF[1] das fotografías (sétimo punto), o aplicativo de carga (oitavo punto) e mailos nosos contidos e información do perfil das buscas públicas (puntos nove e dez). O punto once xa o configuramos previamente, polo que podemos ignoralo agora. Respecto do doce e último desta sección, salvo que sexamos fotógrafos profesionais ─no sentido de que non publiquemos ningunha foto persoal─, debemos rexeitar outorgar licenzas para as nosas imaxes a través de Getty Images. Tras todos estes cambios, a configuración correcta terá o seguinte aspecto:
A segunda sección, «Opciones predeterminadas para las cargas nuevas», permítenos definir a configuración da intimidade predeterminada para os contidos que subimos a Flickr. Os seus valores predeterminados son os seguintes:
En xeral deberiamos ser capaces de analizar por nós mesmos cal sería a configuración predeterminada máis axeitada, xa que en moitos aspectos esta sección resulta idéntica á anterior, pero tamén aquí impos repasar os distintos puntos un por un. O primeiro punto, ao premer na súa ligazón de «editar», levaranos a unha páxina que deberemos modificar tal e como se amosa a continuación:
320px | 320px |
Nótese que os dous últimos apartados non se modifican dado que os seus efectos só se dan para os casos en que o outro usuario ten permiso para ver a foto, e modificalos podería supor certos comportamentos inesperados en caso de que esta guía non se seguise ao pe da letra. E en caso de seguila, deixalos como están non debería supor problema algún para a protección da nosa intimidade.
Unha vez aplicados estes cambios, premeremos no botón azul, «Guardar configuración». Deste xeito volveremos onde estabamos antes. O segundo punto da segunda sección consiste na licenza predeterminada dos contidos que publiquemos. Ao premer na súa ligazón de «editar», iremos a unha páxina en que poderemos elixir entre varias licenzas Creative Commons ou reservar todos os dereitos.
A licenza dos contidos é un asunto serio, e moi persoal. Asemade, a decisión depende de cada caso de uso. Neste caso estamos configurando unha conta para colgar imaxes que compartir con amigos, familia e outros coñecidos, polo que recomendamos encarecidamente que se reserven todos os dereitos (valor predeterminado), o cal será coherente co uso que imos facer da conta. Non sería este o caso, por exemplo, se publicásemos imaxes para difundilas globalmente pola Internet, pero non imos ver aquí casos coma ese. Así que, dado que a opción predeterminada é a que imos utilizar, podemos volver á páxina anterior sen facer nada antes nesta.
O terceiro punto da segunda sección é moi importante. Ao subirmos imaxes pode ocorrer que automaticamente se identifique no mapa do mundo o lugar onde se sacaron as fotos. Publicar abertamente dita información sería unha verdadeira vulneración da nosa intimidade, polo que debemos «editar» este punto para que só nós teñamos acceso a esta información. Alguén podería preguntarse por que non darlle este acceso a amigos e familiares. Moi simple: pode que ás veces non queiramos desvelar esa información, polo que o mellor é ocultala sempre e comentar o lugar nas descricións das imaxes cando queiramos que se saiba e este non poida deducirse xa da propia foto ou do álbum no que está.
Polo mesmo motivo, no cuarto punto debemos asegurarnos de que non se importan datos EFIX[1] sobre o lugar en que se tomou a foto.
Respecto do seguinte punto, consiste en que a partir de información contida na foto podemos permitir que Flickr detecte de maneira automática a orientación da foto e a amose “do dereito”. Esta opción non afecta á intimidade, e pode que vostede considere útil activala, así que non se corte.
O derradeiro apartado da segunda sección dependerá do usuario, pero en xeral os valores predeterminados deberían valernos. De todos xeitos, non custa nada botarlle unha lectura rápida para asegurarmos de que os valores se corresponden co uso que imos facer da rede.
Efectuados todos estes cambios, a segunda sección debería ter un aspecto agora similar ao seguinte:
A terceira sección non ten nada que ver coa intimidade, polo que non a configuraremos nestes momentos.
Exclusión da publicidade personalizada
A conta de Yahoo ─e en consecuencia a de Flickr─ conta de maneira predeterminada con publicidade xerada de maneira personalizada. Isto pode desactivarse completamente seguindo estes pasos:
- Inicie sesión en Yahoo (login.yahoo.com).
- A continuación deberemos acceder a http://info.yahoo.com/privacy/es/yahoo/opt_out/targeting/details.html e premer no botón vermello que di «Excluír».
Notas
- Véxase o artigo sobre fotografías para saber máis sobre os datos EXIF.
Gallaecio 17:43 1 sep 2010 (UTC)