Sistema de fluxos (streaming) e gravación de eventos de GALPon
Este «manual» está feito sobre os equipos dos que dispón GALPon para os seus eventos e para ceder a outras entidades que empregen tecnoloxías libres.
Habería que engadir, polo menos, un trípode e regletas de alimentación eléctrica e se se emprega unha videocámara, algunha tarxeta SD, que poida ser formatada. O software empregado é OBS Studio e VLC. |
Contenido
Sistema de captura e gravación do escritorio do relator
Como conectar este equipo
É moi importante seguir esta mesma orde, para ir recoñecendo un a un os compoñentes da cadea:
- Conectar a saída de vídeo do computador do relator coa entrada da capturadora.
- Se o computador ten saída HDMI a conexión faise directamente.
- Se o computador ten saída S-VGA:
- 1a Conectamos a alimentación do convertedor VGA2HDMI co concentrador.
- 1b Conectamos o convertedor co computador do relator co cable S-VGA.
- 1c Conectamos a saída HDMI do convertedor coa capturadora.
- NOTA: Neste punto o equipo do relator debe recoñecer outra pantalla/monitor. Se non temos imaxe no proxector/pantalla, teremos que configurar a resolución de saída do computador do relator. O problema máis frecuente é que a resolución que sae da capturadora non é admitida polo proxector/pantalla. Adoita abondar con axustar o equipo do relator a unha saída de 1280x720 ou 1024x768 px. (ou outra próxima) para sincronizalo, unha vez sincronizado teremos moitas probabilidades de poder subir esa resolución.
- Conectamos, co cable USB-M → USB-M azul (3.0) a saída da capturadora co computador que vai facer a gravación. É importante que o computador de gravación teña entradas USB 3.0, recoñecense por ser azuis ou pola icona que teñen á beira . IMPORTANTE: Non facer nunca este paso antes.
- No computador de gravación, iniciamos o OBS Studio e imos a «Escenas», creamos unha escena nova (poderemos chamala «Capturadora» e así non nos liamos), agora imos a «Fontes» → «+» «Dispositivo de captura de vídeo», o nome de dispositivo que aparece podemos cambialo polo nome que mellor nos acaia, p. ex. «Capturadora escritorio», feito isto prememos en «Ok» co que nos aparece a xanela do dispositivo, nela escollemos o axeitado. Aceptamos e rematamos de axustar o «cadro» sobre o «lenzo».
- Preparamos a saída cara ao proxector:
- Se o proxector/pantalla ten entrada HDMI a conexión faise directamente.
- Se o proxector/pantalla ten entrada S-VGA:
- 4a Conectamos a alimentación do conversor HDMI2VGA co concentrador.
- 4b Conectamos o conversor co proxector/pantalla.
- 4c Conectamos a saída HDMI da capturadora co conversor.
- A capturadora recibe alimentación polo USB, polo que a alimentación dende o concentrador só é necesaria se o equipo ten moitas conexións e/ou a capturadora non funciona axeitadamente.
- Unha vez estea todo funcionando, no OBS Studio, prememos en «Iniciar gravación» e listo.
- Se se vai reproducir son, asegurarse que o computador do relator ten:
- En ALSA, seleccionado o «Audio Interno Dixital Stereo (HDMI)»
- En PulseAudio, na lapela de Configuración seleccionada «Saída Dixital Estéreo (HDMI)» e se hay outro Audio interno, que estea «Apagado».
- Nota 1
- No OBS Studio para definir onde gardar o ficheiro resultante da gravación imos a Axustes → Saída → Gravando → Camiño da gravación. Nesa mesma xanela axustamos tamén os formatos e códecs se for preciso.
- Nota 2
- Cando temos moitos equipos de relator, a fin de optimizar os tempos de axuste entre relatorios, adoita ser boa idea pedir que a resolución da pantalla de saída do equipo do relator, estea configurada a 1280x720 ou 1024x768 px. (ou outra próxima).}}
Esquema das conexións
Equipo empregado
1 Capturadora Slimbook HDMI → USB 3.0
1 Cable USB-A-M → USB-A-M 3.0 (azul) 50cm. (exclusivo para a capturadora)
1 Cable HDMI → HDMI 1m.
2 Adaptadores HDMI (1 HDMI → miniHDMI – 1 HDMI → microHDMI)
1 Convertedor HDMI → VGA + son (activo)
1 Convertedor VGA → HDMI + son (activo)
2 Cables USB A → mini(B)USB, alimentación para os convertedores (brancos)
1 Cable USB A → micro(b)USB, alimentación para a capturadora (negro)
2 Cables miniJack 3,5 → miniJack 3,5 de son para os convertedores
2 Cables HDMI → HDMI 50 cm. Para os convertedores
2 Cables VGA-M → VGA-M para os convertedores
1 Cable VGA-M → VGA-F para expansión
1 Concentrador (hub) USB de 7 bocas alimentado AKUOO, co seu alimentador 5V
1 Cable miniJack 3,5 a 2 RCA 5m, para saída do son do equipo relator cara a entrada de son da sala
2 Adaptadores RCA → Jack-M 6,35, para adaptar a entrada da sala Jack mono (p. ex. Para caixa DI)
1 Adaptador 2 RCA a Jack_M-S 6,35, para adaptar a entrada da sala Jack estéreo
O concentrador empregarase só como alimentador, NON empregar NUNCA cargadores de teléfono como alimentadores.
Sistema de captura e gravación de vídeo
Como conectar este equipo
- Conectamos o computador e a cámara empregando a capturadora AverMedia, tal e como se ve no esquema. Salientar que se só imos capturar vídeo abonda co cable amarelo. Aquí é importante salientar que, ainda que teñamos outra fonte de son, se conectamos os conectadores vermello e branco (os do son) teremos sempre o son da cámara se esta ten micrófono integrado.
- Para configurar a fonte no gravador, abrimos OBS Studio e imos a «Escenas», creamos unha escena nova (poderemos chamala «Videocámara» e así non nos liamos), agora imos a «Fontes» → «+» «Dispositivo de captura de vídeo» , o nome de dispositivo que aparece podemos cambialo polo nome que mellor nos acaia, p. ex. «Cámara de vídeo», feito isto prememos en «Ok» co que nos aparece a xanela do dispositivo, nela escollemos o axeitado. Aceptamos e rematamos de axustar o «cadro».
- Para axustar o cadro no lenzo ou eliminar bandas negras se as houber, prememos co botón dereito sobre a fonte → Transformar → Editar transformación [Ctrl+E] e facemos os axustes necesarios en.
- Agora toca configurar a entrada de son:
- Se imos empregar o «Sistema de son» de GALPon, ver a súa folla técnica.
- Se imos empregar o micro da cámara, entón é preciso conectar os 3 RCA.
- Se imos empregar outro sistema de entrada de son, obrar en consecuencia segundo o equipo.
- No OBS Studio procedemos igual que con calquera outro dispositivo. Abrimos OBS e imos a «Escenas», activamos a escena recen creada e imos a «Fontes» → «+» e escollemos a forma de capturar o son segundo corresponda ao noso equipo, o nome de dispositivo que aparece podemos cambialo polo nome que mellor nos acaia, feito isto prememos en «Ok» co que nos aparece a xanela do dispositivo, nela escollemos o axeitado e prememos en «Aceptar».
- Unha vez está todo funcionando, no OBS Studio, prememos en «Iniciar gravación» e listo.
- Nota 1
- Temos comprobado que OBS Studio ten tendencia a recoñecer a imaxe das videocámaras cun formato case cadrado (non chega a ser un 4:3). Para solucionalo, podemos forzar o tamaño manualmente. Prememos na imaxe co botón dereito → Transformar → Editar transformación, e no campo «Tamaño» inserimos a dimensión correspondente. Lembro aquí os tamaños estándar: 4:3 → 640x480, 800x600, 1024x768 – 16:9 → 426x240
- Nota 2
- No OBS para definir onde gardar o ficheiro resultante da gravación imos a «Axustes» → Saída → Gravando → Camiño da gravación. Aí mesmo axustamos tamén os formatos e códecs.
Esquema de conexión da capturadora
Empregando un télefono como webcam IP
Dos dous aplis que atopei e puiden probar, DroidCam e IP Webcam, o que me pareceu máis interesante é o segundo e del vou falar.
Podemos empregalo sobre a rede WiFi do recinto no que esteamos, ou, na miña opinión, mellor poñer o teléfono en modo AP, e, tras executar IP Webcam, anotar o enderezo que nos vai indicar (algo como http://192.168.43.1:8080). Abrir Firefox e ir ao enderezo anterior. Aquí, para ver a imaxe, teremos que escoller o método, o máis habitual é «Navegador» ou «Javascript». Máis abaixo temos dous axustes moi interesantes, o do zoom e o da calidade, na medida do posíbel, subiremos a calidade ao máximo (100%), este axuste está tamén no teléfono (no apli).
Feitos os axustes, para poder traballar mellor coa captura de xanelas de OBS Studio, recomendo abrir VLC e en Multimedia → Abrir un fluxo de rede, imos á lapela «rede» e nela escribimos o mesmo IP:porto de antes engadindo: /video (algo como: http://192.168.43.1:8080/video), se tiveramos dificultades con este enderezo, podemos ir á opción «Otros medios de visualización» que está na barra superior da lapela de IP Webcam no navegador, aí escollemos «VLC Media Player» e seguimos as instrucións. Esta xanela será a que capture OBS Studio. Unha vez conectado VLC, poderemos pechar o navegador.
Con toda probabilidade teremos que facer un axuste no OBS Studio de sincronización do son e a imaxe. Unha opción e ir a «Fontes», premer co botón dereito na fonte de vídeo → Filtros, e en Filtros de audio/vídeo → «+» → Atraso de vídeo (asíncrono), cargamos ese filtro e axustámolo vendo o vídeo, outra opción é premer co botón dereito no «Mesturador» → Propiedades de Audio avanzadas e na entrada correspondente veremos o campo «Sincronización Offset (ms)», Sabendo que a un cadro (frame) correspondenlle 133ms, só temos que facer unha regra de 3.
- Nota
- No apli, no teléfono, en «CONFIGURACIÓN DE LA CONEXIÓN» → Retransmisión local, podemos axustar o porto predeterminado.
Equipo empregado
1 Videocámara Cannon LEGRIA FS406 coa súa funda + unha tarxeta SD de 32GB
1 Alimentador/cargador vídeocámara, 8,4v con cable de rede
1 Cable saída AV videocámara (Sony, JVC, Cannon, Samsung, …) miniJack 3,5 → 3 RCA-M
1 Convertedor de vídeo composto + S-Video + son a USB AverMedia DVD EZMaker 7
1 Cable extensión 3 RCA-M → 3 RCA-M
3 Adaptadores (para extensión) RCA-F→RCA-F
1 Cable S-Vídeo (M) → S-Vídeo (M)
1 Cable HDMI → HDMI 1m.
2 Adaptadores HDMI (1 HDMI → miniHDMI – 1 HDMI → microHDMI)
1 Soporte de trípode para teléfono (smartphone) Para usar aplicativos de fluxo como: IP Webcam ou DroidCam
1 Cable USB-M → USB-F 1m.
Sistema de captura (dixital) e gravación do son
9 Consellos imprescindíbeis para traballar con micrófonos sen fíos
1.- Lembrade revisar as pilas antes de comezar. Se cos equipos vos chega algunha batería se non coñecedes o seu estado, empregadea sópara probas, non garantimos que poidan aguantar moito tempo de traballo.
2.- Se vas empregar varios sistemas sen fíos de vez, compróbaos con todos acendidos simultaneamente. Se acendes un, o probas, o apagas e acendes o seguinte, o máis probábel é que funcionen todos. Cando estean acendidos e falando por todos de vez (ao mesmo tempo) poderían producirse intermodulacións (un sobreponse a outro anulándoo).
- Nota: Os dous micrófonos que forman este equipo xa están comprobados e as súas canles non producen intermodulación entre eles, se engadimos outro(s) micrófono(s) sen fíos, haberá que comprobalos.
3.- Ten en conta a orientación das antenas. É conveniente que o transmisor e o receptor teñan a antena orientada na mesma dirección (normalmente en vertical, apuntando cara arriba). Desta forma conseguese a mellor transmisión. No caso dos micrófonos de man, nos que a antena adoita estar no extremo oposto á cápsula, o máis recomendábel é situar as antenas do receptor nun ángulo de 45º.
- Nota: No caso deste equipo, as antenas do receptor do micrófono de man deberá situarse a 45º, unha para cada lado (como facendo un V) e as do receptor do micro de solapa con elas en vertical.
4.- Sempre que sexa posíbel, tenta que os emisores e os receptores se vexan entre eles. É unha práctica recomendábel buscar sempre a visión directa entre emisor e receptor.
5.- Deixa polo menos unha distancia de 2 ou 3 metros entre o transmisor e o receptor. No por acercar moito o transmisor ao receptor vai funcionar mellor. De feito é conveniente manter polo menos entre eles esta distancia mínima que comentamos.
6.- Separa as antenas polo menos 1 metro como mínimo de paredes, teitos, estruturas ou outros obxectos. Canto máis lonxe de reflexións mellor funcionará o noso sistema e menos riscos de perdas de sinal teremos.
7.- Tenta non ter fontes que xeren radiación de radiofrecuencia preto dos teus sistemas. Dimmers, proxectores, focos, pantallas de led, etc. poden inducir interferencias nos nosos equipos.
8.- Se ao apagar o micrófono ou o emisor entra ruído polo receptor, axusta o «squelch». É unha función moi común nos sistemas sen fíos que consiste nunha porta de ruído que impide que pase o sinal cando o nivel de RF baixa dun limiar determinado. Se o «squelch» está desactivado, ao apagar o micrófono o noso receptor seguirá a recibir o ruído que haxa no espectro electromagnético. Co «squelch» activado, ao apagar o micrófono o noso receptor pasará automaticamente ao modo «Silenciado».
9.- Cando probes os micrófonos, faino movéndote por todas as zonas polas que se vai mover o micrófono durante o evento. Que se escoite nun punto non quere dicir que non haxa zonas onde se perda o sinal (zonas de sombra). Convén que nos aseguremos sempre de que non perdemos sinal en ningún punto.
Conectando a interface de captura dixital do son
No OBS Studio, procedemos case igual que para calquera outro dispositivo, imos a «Escenas», activamos a escena que nos interesa, imos a «Fontes» → «+» «Captura de entrada audio (PulseAudio)» ou «Dispositivo de captura de audio (ALSA)» segundo corresponda ao noso equipo, o nome de dispositivo que aparece podemos cambialo polo nome que mellor nos acaia, feito isto prememos en «Ok» co que nos aparece a xanela do dispositivo, nela escollemos: para PulseAudio → «PCM2902 Audio Codec Estéreo analóxico», para ALSA «USB Audio Codec, USB Audio» e prememos en «Aceptar».
Segundo a nosa configuración do son é probábel que teñamos son só nunha canle, para enviar o son ás dúas canles prememos co botón dereito no «Mesturador» → Propiedades de Audio avanzadas e na entrada correspondente marcamos «Remesturar a mono» (nos temas escuros é difícil ver a caixa).
- Nota importante
- Se notamos que non funciona axeitadamente, pode ser necesario conectar a interface a través do concentrador (hub) USB alimentado.
Equipo empregado
1 Micrófono de man Shure SM58 sen fíos co seu receptor «diversity» e alimentador de 13v 0,25A (Sennheiser NT2)
1 Micrófono de solapa Nady 101/201 XL Series, con emisor sen fíos e o seu receptor «diversity» e alimentador de 12v 0,2A (OEM). Inclúe unha esponxa de recambio e un accesorio para axuste da ganancia.
1 Interface de son USB Behringer U.Phoria U2
1 Cable USB-A → USB-B (para conectar a inteface co computador)
2 Cables Jack Macho mono a RCA (para conectar a interface coa mesa de mesturas)
2 Adaptadores RCA → Jack (para adaptarse á conexión da mesa de mesturas)
2 Pequenos destornilladores para axustar o squelch e a ganancia (só para quen saiba o que fai)
1 Cable doble 2-RCA-M → 2-RCA-M (para a saída da interface se procede)
2 Cable XLR3-M XLR3-F (1 de 1,5m ‒ 1 de 2m, para conectar un dos receptores en Baixa Z – MIC ou para conectar os dous a unha mesa de mesturas
1 Cable Jack M → Jack M 2m, para conectar un dos receptores en Alta Z – INST2
1 Concentrador (hub) USB de 4 bocas alimentado Conceptronic, co seu alimentador de 5V e cable USB → mini(B)USB