Política de protección da intimidade de Twitter
A política de protección da intimidade de Twitter está dispoñible en castelán ─polo menos en teoría, no momento de escribir esta guía está traducida só a medias, e con erros importantes na tradución─. Dita política pode lerse sen necesidade de ter unha conta en Twitter dende o seguinte URL: twitter.com/privacy?lang=es. O que saiba inglés, debería botarlle unha ollada á versión orixinal. O que non, debería ler a tradución (a medias). En calquera caso, como referencia, veremos a continuación un resumo dalgúns dos puntos máis importantes da política de protección da intimidade de Twitter:
- O nome completo e mailo alcume son públicos, e calquera persoa (rexistrada ou non en Twitter) poderá velos.
- Respecto aos datos opcionais dos usuarios, coma a biografía, a localidade ou a imaxe persoal, todos eles son datos accesibles publicamente, igual que o nome completo e mailo alcume.
- De maneira predeterminada, toda a información compartida a través do sitio (con algunhas excepcións) é completamente pública, dado que Twitter interpreta que iso é o que quere o usuario. Parte desta información pode “protexerse” configurando a conta de Twitter para tal.
- Twitter mantén un rexistro completo da actividade dos usuarios, incluíndo os seus enderezos IP, a información sobre o navegador web utilizado, o URL dende o que chegaron, as páxinas que visitaron, os termos utilizados nas buscas, as ligazóns que se premen dentro do sitio, as accións levadas a cabo con respecto á publicidade do sitio, etc.
- Salvo que o navegador web dos usuarios estea configurado para evitalo, Twitter obtén información adicional do usuario mediante cockies (información que Twitter garda no disco duro do usuario).
- Twitter utiliza servizos de terceiros ─entre os cales está Google─ que tamén poden obter algunha información, coma o enderezo IP ou a información das coockies. Ademais diso, Twitter pode decidir compartir información dos usuarios con terceiros en certas ocasións, ou entregar información cando considere que é lexítimo porque se violou a lei, para protexer a alguén, para solucionar problemas técnicos, etc.
- Se Twitter cambia de mans, a información que garda vai con el, se ben a política de protección da intimidade mantense vixente durante dito cambio.
- Os menores de 13 anos non poden utilizar Twitter.
- O uso dos servizos de Twitter implica a aceptación da súa política de protección da intimidade.
- Twitter avisará aos usuarios dos cambios nas políticas se os considera importantes mediante un correo electrónico ou unma mensaxe de Twitter.
En caso de non ter claro algún dos puntos ou albergar calquera tipo de dúbida respecto da política de protección da intimidade, calquera persoa pode enviar un correo electrónico a Twitter ao enderezo privacy@twitter.com. A mesma conta de correo pode utilizarse para informar de que menores de 13 anos están a utilizar Twitter.
Autor: Gallaecio 21:24 2 oct 2010 (UTC)