Política de protección da intimidade de Flickr
A política de protección da intimidade de Yahoo, empresa propietaria de Flickr, está dispoñible en castelán no URL info.yahoo.com/privacy/es/yahoo, e debería lerse de principio a fin coidadosamente. De maneira adicional, presentamos a continuación un resumo dalgúns dos puntos de dita política a 27 de agosto do 2010 que consideramos máis relevantes:
- Usar ou acceder a Yahoo ou os seus servizos implica a aceptación da súa política de protección da intimidade.
- Yahoo resérvase o dereito de cambiar a súa política de protección da intimidade. O usuario recibirá a correspondente notificación por correo electrónico (se o permite), ou poderá descubrilo a través dunha notificación que aparecerá no sitio web de Yahoo.
- Yahoo recolle información sobre o acceso dos usuarios á publicidade da súa “Rede Publicitaria”.
- Yahoo utiliza rexistros (non asociados a usuarios concretos) a partir dos cales realiza estudos, proxectos, etc. A información destes rexistros non se borra ao darse de baixa a conta dun usuario, e ao eliminar unha conta esta permanecerá activa ata que se garden os rexistros pertinentes sobre a mesma. Asemade, ao solicitar o borrado dunha conta o que se fai é desactivala. O seu borrado non se fai efectivo ata 90 días despois da solicitude, e nalgunhas circunstancias Yahoo podería manter ditos datos aínda máis tempo.
- Cando un menor de catorce anos se rexistra en Yahoo, a empresa asume que ten o permiso dos pais ou do correspondente titor legal.
- Yahoo utiliza a información recollida dos seus usuarios para decidir que publicidade amosarlles.
En caso de non ter claro algún dos puntos ou albergar calquera tipo de dúbida ou mesmo queixa respecto da política de protección da intimidade, Yahoo pon a disposición dos usuarios e de calquera individuo alleo á rede social un formulario de contacto sobre este tema. Dito formulario pode accederse dende o seguinte enderezo: help.yahoo.com/l/es/yahoo/privacy/general.html.
Autor: Gallaecio 19:54 27 ago 2010 (UTC)