Política de protección da intimidade de Facebook
A política de protección da intimidade de Facebook está ─por desgraza─ en inglés. Dita política pode lerse sen necesidade de ter unha conta en Facebook dende o seguinte URL: facebook.com/policy.php. O que saiba inglés, debería botarlle unha ollada. Para o que non, a continuación preséntase un resumo dalgúns puntos de dita política a 8 de agosto do 2010 (a revisión do 22 de abril do mesmo ano):
- Usar ou acceder a Facebook implica a aceptación da súa política de protección da intimidade.
- Os menores de 13 anos non poden usar Facebook. En caso de coñecer algún caso, pódese informar a Facebook a través da seguinte ligazón: http://www.facebook.com/help/contact.php?show_form=underage. Facebook eliminará toda a súa información «o antes posible».
- Facebook anima aos menores a pedirlle permiso aos seus pais antes de compartir información persoal por Internet, e conta cun URL coas preguntas máis frecuentes dos pais (en inglés u castelán, entre outros): facebook.com/help/?page=937.
- Ademais da información fornecida directamente polo usuario, Facebook almacena información sobre a actividade dos usuarios en Facebook (todo canto fan no sitio), información do dispositivo de acceso e do navegador web ─información xeral sobre ambos, ademais da localización xeográfica, o enderezo IP ou as páxinas visitadas─, e cookies no navegador web salvo que o usuario configurase este para rexeitalas.
- Facebook tamén pode recompilar información de terceiros, tales coma os aplicativos utilizados no seu sitio ─xogos, etc.─, información sobre o comportamento dos usuarios coa publicidade, así como a información sobre o usuario fornecida polos seus “amigos” de Facebook.
- Nin o nome do usuario nin a súa foto do perfil contan con protección da intimidade, e quen non se sinta cómodo ao respecto debe borralos ou non fornecelos.
- Pode establecerse unha configuración de intimidade personalizada para cada un dos contidos tales coma fotos ou entradas ─“posts”─. Isto faise mediante a icona de cadeado. De non establecerse manualmente, aplicarase a configuración por defecto establecida polo usuario.
- O sexo e maila idade non poden modificarse.
- Ao borrar unha información publicada ou a conta de Facebook, non desaparecerá da rede social aquela información que foi compartida con outros usuarios.
- Ao conectar Facebook cun sitio web ou un aplicativo, este terá acceso ao seu nome e mailos nomes dos seus amigos, as fotos do perfil, o sexo, os identificadores de usuario, as conexións e calquera contido distribuído publicamente. O mesmo pasa cando o fai un “amigo”.
- Os anunciantes poderán utilizar cookies (se o navegador web do usuario non está configurado para evitalo) que lles permitirán amosar anuncios personalizados para cada usuario.
- Facebook pode utilizar información do usuario (mesmo aquela que está oculta a outros usuarios) para presentar certa publicidade só aos usuarios que cumpran cos criterios establecidos polos anunciantes.
- En certas ocasións Facebook podería compartir a información do usuario con compañías alleas a Facebook, avogados, xuíces ou outras entidades gobernamentais.
- Se Facebook cambia de mans, o mesmo sucede coa información dos usuarios, se ben estaría suxeita á última política de protección da intimidade previa.
- Para borrar a conta de Facebook non abonda con “desactivala”, senón que fai falla ir a unha páxina especial. Dende a configuración da conta só se dá a opción de desactivala, en cuxo caso todos os datos permanecen en Facebook á espera de que o usuario volva activar a conta nalgún momento.
- Aínda despois de solicitar o borrado dunha conta, Facebook pode conservar certa información para «previr o roubo de identidade e outras condutas non axeitadas». Asemade, a información fornecida a aplicativos e sitios web de terceiros podería non ser borrada.
- Tras o borrado dunha conta, a súa información podería permanecer nos servidores de Facebook ata un máximo de 90 días, se ben non poderían acceder a ela outros usuarios.
- En caso de cambiar as políticas de protección da intimidade, estes cambios aparecerán na páxina das mesmas (á que xa se fixo referencia e da que isto é un resumo) e anunciarase na seguinte páxina: facebook.com/fbsitegovernance. Lémbrese que o uso de Facebook xa supón a súa aceptación, polo que deberíase procurar estar ao día dos cambios efectuados neste aspecto.
En caso de non ter claro algún dos puntos ou albergar calquera tipo de dúbida respecto da política de protección da intimidade, Facebook pon a disposición dos usuarios e de calquera individuo alleo á rede social un formulario de consulta sobre este tema. Dito formulario pode accederse dende o seguinte enderezo: facebook.com/help/contact.php?show_form=privacy_policy_general.
Autor: Gallaecio 21:01 26 ago 2010 (UTC)