Estatutos
Este texto é unha transcrición literal do documento aprobado o 1 de agosto de 2024 polo Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Contenido
Estatutos da Asociación GALPon
CAPÍTULO I, DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º
Constitúese en Vigo unha asociación cultural sen ánimo de lucro que se denominará Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). A asociación rexerase polos presentes estatutos, pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e pola lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicábel.
O nome da asociación é oficialmente «Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra» mais aceptase o uso informal ou falado de «Grupo de Amigos de GNU/Linux de Pontevedra» e, que en todo caso, manterase por motivos de sonoridade o acrónimo «GALPon».
Artigo 2º
Son fins principais da asociación:
- Fornecer un marco para compartir información, coñecementos e experiencias sobre todas as actividades que rodean a cultura libre e as tecnoloxías libres, tanto en forma de software libre como en forma de hardware libre ou dos estándares abertos.
- Divulgar, fomentar e promover a cultura libre e as tecnoloxías libres, tanto en forma de software libre como en forma de hardware libre ou dos estándares abertos.
- Promover e apoiar os provectos de cultura libre, de tecnoloxías libres, tanto en forma de software libre como en forma de hardware libre ou dos estándares abertos, especialmente os daqueles desenvolvidos polos seus membros. Impulsar e avalar as iniciativas de cultura libre, software libre e estándares abertos.
- Apoiar outras iniciativas que están implicitamente relacionadas coa cultura libre e as tecnoloxías libres, tanto en forma de software libre como en forma de hardware libre ou dos estándares abertos, como a distribución do software libre e a neutralidade das redes sen interferencias de terceiros.
- Realizar a xestión máis oportuna para o mellor desenvolvemento en materia financeira, económica, técnica, fiscal e asistencial.
Artigo 3º
Para o cumprimento dos seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
- Celebración de conferencias, cursos, sesións de traballo, coloquios e calquera outra actividade lícita que sirva aos fins desta asociación.
- Promover proxectos de implantación de software libre en asociacións, sociedades, institucións e outras organizacións.
- Asociarse a tantas entidades locais, autonómicas, nacionais e estranxeiras que amplíen o ámbito de relación da asociación en beneficio da súa finalidade primordial.
Como asociación sen ánimo de lucro, o 100% das rendas e ingresos obtidos deben destinarse á consecución dos seus fins.
Artigo 4º
O domicilio principal e permanente da asociación radicará na localidade de Vigo.
- Rúa Uruguai 15, entresollado B, 36201, Vigo
- Correo electrónico info@galpon.org
- Domicilio virtual http://www.galpon.org
Poderán utilizarse outros locais asociativos adicionais, por acordo da xunta directiva.
Artigo 5º
A asociación, en función dos seus fins e da localización do seu domicilio social, desenvolverá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Provincia de Pontevedra.
Nas actividades cotiás da asociación empregarase o galego como idioma de traballo; non obstante, aceptarase o uso do castelán ou español por parte daquelas persoas que teñan dificultades co galego.
Artigo 6º
A duración desta asociación é indefinida e só se disolverá, de acordo cos presentes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en asemblea xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
A asociación rexerase polos principios democráticos recollidos no marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
CAPÍTULO II, DOS SOCIOS
Artigo 7º
Poderán ser asociadas todas as persoas físicas e xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tras acordo do órgano competente da persoa xurídica, que compartan os fins do Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra.
Artigo 8º
Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de persoas asociadas:
- Fundadoras: aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
- De número: aquelas persoas que se incorporaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional. Consideraranse membros activos tanto os membros fundadores como os numerarios. Só poderán pertencer a esta asociación como persoas asociadas activas as persoas físicas individuais.
- Infantís: aquelas persoas menores de 14 anos que participen na asociación, que se integrarán na sección infantil, se é o caso.
- De honra: aquelas persoas ou entidades que pola súa especial dedicación á asociación, persoal ou profesional, as fixeran merecedoras desta condición mediante acordo tomado en asemblea xeral, logo de proposta da xunta directiva. Estas persoas asociadas terán os mesmos dereitos e deberes que as persoas asociadas activas, aínda que non aboarán cotas nin poderán acceder a postos directivos.
- Protectoras: aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a criterio da xunta directiva, contribúan de xeito notábel á consecución dos fins da asociación, ben colaborando con ela desinteresadamente dende os seus respectivos cargos profesionais ou mediante achegas económicas ou en especie. O seu nomeamento será acordado pola xunta directiva, debendo ser ratificado na primeira asemblea xeral que se celebre. As persoas asociadas protectoras non terán dereito a voto, nin poderán acceder a cargos directivos, mais a súa voz poderá escoitarse na asemblea xeral.
Artigo 9º
As persoas asociadas activas teñen os seguintes dereitos:
- Participar nas asembleas con voz e voto.
- Ser electoras e elixíbeis para cargos directivos.
- Participar en cantas actividades organice a asociación en cumprimento dos seus fins.
- Gozar de todas as vantaxes e beneficios que poida obter a asociación.
- Dispor dunha copia destes estatutos.
- Estar informada sobre a composición da xunta directiva.
- Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación.
- Facer suxestións á xunta directiva para o mellor cumprimento dos fins da asociación.
- Estar ao día das contas, ingresos e gastos da asociación cada ano, así como do desenvolvemento da súa actividade.
Artigo 10º
Son obrigas das persoas asociadas:
- Prestar os servizos que determinen os estatutos, o regulamento de réxime interno e os acordos das asembleas xerais.
- Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
- Manter actualizada a súa información persoal e de contacto, priorizando o uso de medios telemáticos nas formas de comunicación tanto individuais como colectivas.
- Satisfacer as cotas que se estabelezan.
- Observar una boa conduta individual e cívica.
- Cumprir os acordos da asemblea xeral e o contido dos estatutos.
Artigo 11º
As persoas asociadas infantís, de honra e protectoras non intervirán na dirección da asociación nin nos seus órganos de representación, mais están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, mais sen voto.
Artigo 12º
Os acordos de admisión de persoas asociadas serán tomados pola xunta directiva, unha vez recibida a solicitude por escrito da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores e persoas que actúen a través de representante, a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor da persoa solicitante e deberá ir acompañada da acreditación da identidade da persoa solicitante.
Artigo 13º
A condición de persoa asociada pódese perder:
- Por renuncia do interesado ou interesada expresada por escrito.
- Por falecemento do titular.
- Por falta de pagamento dunha cota.
- Pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
- Por expediente disciplinario.
Artigo 14º
A expulsión das persoas asociadas será acordada pola xunta directiva, tras escoitar á persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola asemblea xeral extraordinaria e contra a súa resolución cabe recurso de alzada ante a xurisdición ordinaria.
Cando a baixa se produza por vontade da persoa asociada, esta deberá formular unha solicitude por escrito e procederá ao pago previo de todas as cotas pendentes.
Artigo 15º
As persoas asociadas poderán pedir a separación temporal por escrito.
A xunta directiva poderá acordar a separación temporal dunha persoa asociada cando se trate de expediente sancionador, ou existan causas xustificadas que o aconsellen, como atraso no pagamento de calquera cota, ou comportamentos que afecten ao bo funcionamento de calquera dos fins da asociación. O expediente sancionador recollerase no regulamento de réxime interno, mais en todo caso a resolución poderá ser recorrida ante a xurisdición ordinaria.
CAPÍTULO III, DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 16º
A dirección e administración da asociación serán exercidas pola presidencia, a xunta directiva e a asemblea xeral.
Artigo 17º
A persoa titular da presidencia da asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola xunta directiva e a asemblea xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
A presidencia será designada pola asemblea xeral entre as persoas asociadas que teñan polo menos un ano de antigüidade e o seu mandato terá unha duración de dous anos.
Artigo 18º
A xunta directiva estará composta por un número mínimo de catro membros que ocuparán os cargos de Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a. Contémplase a posibilidade de incluír postos optativos de Vogais. Todos os devanditos cargos deberán recaer en asociados ou asociadas que teñan polo menos un ano de pertenza á asociación.
Artigo 19º
Os cargos que compoñen a xunta directiva terán carácter gratuíto, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e non deberán ter ningún interese económico nos resultados da actividade por si mesmos nin por intermediario.
Os cargos serán elixidos pola asemblea xeral e terán unha duración de dous anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección indefinida.
Os cargos da xunta directiva renovaranse en dúas quendas. Na primeira quenda renovarase a Vicepresidencia, a Tesourería e a metade das Vogalías (a metade menos unha no caso de número impar de Vogalías). Na segunda quenda estarán a Presidencia, a Secretaría e as demais Vogalías. O persoal de secretaría, se é o caso, será designado pola xunta directiva, que acordará tamén as súas retribucións.
Artigo 20º
Correspóndelle á xunta directiva programar e dirixir as actividades da asociación e realizar a xestión administrativa e económica da asociación, presentando o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do exercicio anterior.
Así mesmo, procederá a convocar e fixar a data da asemblea xeral, fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben, designar as comisións de traballo ou seccións que se consideren oportunas para o bo funcionamento da asociación, ditar normas internas de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente atribuídas á asemblea xeral. Tamén lle corresponderán todas as demais actividades que lle sexan transferidas pola asemblea.
Artigo 21º
A xunta directiva celebrará as súas sesións tantas veces como o determine a presidencia ou a vicepresidencia, por iniciativa propia ou por solicitude dalgún dos seus membros. Estará presidida pola persoa titular da presidencia e, na súa ausencia, pola persoa titular da vicepresidencia ou da secretaría, por esta orde, e, na ausencia de ámbolos dous cargos pola persoa de máis idade entre as persoas integrantes da xunta.
Para que os acordos da xunta directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría dos votos das presentes, sendo necesaria a asistencia de, polo menos, catro dos seus membros. En caso de empate, decidirá o voto da persoa titular da presidencia.
A persoa titular da secretaría ou, na súa ausencia, da vicepresidencia levantará acta das sesións, que se transcribirá no libro de actas.
Artigo 22º
Poderán constituírse dous tipos de comisións delegadas cando o considere a xunta directiva, que á súa vez poderán dividirse en subcomisións:
- Comisións delegadas executivas: Para os efectos da mellor organización da asociación, a xunta directiva poderá acordar a constitución de comisións delegadas, que desempeñarán funcións específicas que lle corresponden á xunta directiva e que estarán integradas por unha presidencia e unha ou máis persoas das vogalías, todas elas integrantes da xunta directiva.
- Comisións operativas delegadas: Para os efectos da mellor organización da asociación, a xunta directiva poderá delegar funcións nunha comisión operativa delegada. Poderán ser parte da mesma calquera persoa asociada.
As comisións operativas delegadas constituiranse por un período limitado de tempo, para unha función concreta. Estas persoas delegadas só terán facultades como delegadas da xunta directiva, e non poderán exercer outras funcións que as estritamente encomendadas pola xunta directiva, estando esta facultada para cesar as funcións de dita comisión.
Artigo 23º
A asemblea xeral é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por todas as persoas asociadas á mesma. A presidencia e a secretaría da asemblea serán as mesmas que as da xunta directiva.
Artigo 24º
A asemblea xeral reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a xunta directiva, ou o solicite o 10% das persoas asociadas. Neste último caso, farase mediante escrito dirixido á presidencia, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se fará constar o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 25º
A asemblea xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos primeiros seis meses de cada ano. Tanto a asemblea ordinaria coma a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación pola persoa titular da presidencia da xunta directiva. A notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e, para as extraordinarias, no enderezo de correo electrónico que cada persoa asociada indique para tal efecto como medio de contacto e, na súa ausencia, no enderezo postal das persoas asociadas.
Artigo 26º
Serán competencias da asemblea xeral ordinaria:
- Aprobar a acta da xuntanza anterior.
- Aprobar o plan de actividades.
- Examinar e aprobar a memoria de actividades.
- Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
- Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
- Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas.
Artigo 27º
Serán competencias da asemblea xeral extraordinaria:
- Modificar os estatutos da asociación.
- Elixir as persoas integrantes da xunta directiva.
- Aprobar a federación con outras asociacións.
- Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
- Acordar a disolución da asociación.
- Designar as persoas liquidadoras.
- Ratificar a expulsión de persoas asociadas a proposta da xunta directiva.
- Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
- Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
- As que sendo competencia da asemblea xeral ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
- Todas as non conferidas expresamente á asemblea xeral ordinaria ou a xunta directiva.
Artigo 28º
Para que as asembleas poidan tomar acordos, estarán integradas polas persoas asociadas asistentes, sempre que asistan a metade máis un do total en primeira convocatoria ou após de media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.
Artigo 29º
Os acordos adoptados deberán selo por voto afirmativo da maioría simple das asistentes ou representadas, agás os relativos aos apartados 1 ou 7 do artigo 27,º que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarán as persoas titulares da presidencia e da secretaría da asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola asemblea xeral e aprobada por maioría.
Artigo 30º
Os acordos que se adopten de consonte cos preceptos anteriores serán vinculantes para todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine a persoa titular da presidencia. A continuación a persoa titular da secretaría procederá á lectura da acta da asemblea anterior, que deberá ser aprobada. Posteriormente, a persoa titular da secretaría procederá á presentación da orde do día. Cada punto será informado pola persoa integrante da xunta directiva que corresponda, procedéndose á aprobación nos termos destes estatutos, segundo a materia de que se trate. Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día, se a presidencia o considera oportuno ou a petición do 10% das persoas asociadas inscritas no libro de persoas asociadas, procederase a unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordos, unha vez concluído, a persoa titular da presidencia pechará a sesión.
Artigo 31º
Os acordos contrarios a estes estatutos ou que infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición ante a asemblea xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía de recurso ante a xurisdición ordinaria.
Artigo 32º
A persoa titular da presidencia da xunta directiva terá, ademais das facultades consignadas no artigo 17º, as seguintes atribucións:
- Presidir e pechar as sesións que celebren a xunta directiva e a asemblea xeral, dirixir as deliberacións de ámbalas dúas, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
- Propoñer á xunta directiva o plan de actividades da asociación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
- Ordenar os pagos acordados validamente
- Representar á asociación ante calquera organismo público ou privado.
- Asinar as actas, certificados, pagamentos e demais documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta aa secretaría ou integrante da xunta directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
A persoa titular da presidencia estará asistida no exercicio das súas funcións pola titular da vicepresidencia, que tamén o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
Artigo 33º
A persoa titular da secretaría tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de persoas asociadas e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace de quen ostente a presidencia.
Á persoa titular da secretaría correspóndelle tamén levar o inventario de bens da asociación nun libro estabelecido a tal efecto.
Artigo 34º
A persoa titular da tesourería recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, cumprirá as ordes de pagamento emitidas pola presidencia, dirixirá a contabilidade da asociación, levará conta dos ingresos e gastos da asociación e participará en todas as operacións económicas.
O tesoureiro ten a obriga de pechar o exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, para que as contas estean a disposición das persoas asociadas nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.
Artigo 35º
As persoas que ostenten vogalías, no número que determine a asemblea xeral, terán as seguintes atribucións:
- Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
- Desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola xunta directiva.
CAPÍTULO IV, DO RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 36º
A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de UN euro. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural.
Artigo 37º
A asociación funcionará con base orzamentaria anual. O borrador de orzamento será elaborado pola persoa titular da tesourería da asociación, que deberá telo elaborado antes do 1 de xaneiro de cada ano, para que poida ser aprobado na asemblea xeral ordinaria.
Artigo 38º
A asociación manterase dos seguintes recursos:
- As cotas periódicas das persoas asociadas.
- As cotas extraordinarias que propoña a xunta directiva e sexan aprobadas pola asemblea xeral.
- As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares
- Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
- Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 39º
As cotas ordinarias acordaranse pola asemblea xeral ordinaria, a proposta da xunta directiva, non serán reintegrábeis en ningún caso e dedicaranse a atender as necesidades da asociación.
Artigo 40º
Anualmente con referencia ao último día do exercicio económico, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta á disposición dos asociados, por un período non inferior a 15 días antes da data designada para a celebración da asemblea xeral ordinaria, que deberá aprobala ou censurala.
Artigo 41º
O orzamento será aprobado pola asemblea xeral ordinaria cada ano, no período estabelecido no artigo 25º.
Artigo 42º
Para a disposición dos fondos das entidades bancarias onde a asociación os teña depositados, as persoas titulares da presidencia e da tesourería terán recoñecidas ás súas sinaturas na entidade bancaria correspondente, para o seu uso conxunto.
Artigo 43º
Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser repartidos entre as persoas asociadas os recursos obtidos pola asociación.
CAPÍTULO V, DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 44º
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, no podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI, DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 45º
Os presentes estatutos poderán ser modificados a proposta da xunta directiva ou das persoas asociadas. A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para que calquera persoa asociada poida dirixir á secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.
Artigo 46º
Para aprobar a reforma dos estatutos será necesario o voto favorábel de 2/3 dos asistentes á asemblea xeral extraordinaria.
Artigo 47º
A asociación disolverase polas seguintes causas:
- Pola vontade das persoas asociadas acordada por 2/3 das mesmas.
- Por outras causas determinadas legalmente.
- Por sentenza xudicial firme.
Artigo 48º
Acordada a disolución, a asemblea xeral extraordinaria nomeará tres persoas asociadas liquidadoras, que xunto con quen ostente a presidencia e maila tesourería procederán á liquidación do patrimonio, aboando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
Artigo 49º
O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou semellantes fins aos desta asociación.
O xustificante da doazón presentarase no rexistro de asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.