Empregando «OpenDNS»

De GALPon WiKi

Que é OpenDNS?

Para poder entender o funcionamento de OpenDNS antes hai que saber que son os DNS, un Servidor DNS tradúcenos o enderezo IP para poder acceder a unha páxina de Internet a través dun enderezo URL (o enderezo que escribimos no navegador de Internet). Se non existisen os servidores DNS teriamos que acceder aos web a través dos enderezos IP directamente. Así, podemos resumir que os DNS serven para asociar un enderezo dun web a un IP para poder ver a páxina en cuestión. Cando contratamos un servizo de Internet, o noso provedor adoita ter o seu propio servidor DNS (ISP), os que nos ofrece OpenDNS é deixar de depender dos nosos provedores para que traduzan os enderezos de Internet.

OpenDNS é un servizo gratuíto que se financia coa publicidade que aparece cando introducimos un dominio (enderezo web) que non existe.

Que nos ofrece?

OpenDNS ofrécenos unha navegación rápida e fluída, cunha caché de servidor moi grande, segura e fiable.

Contan cunha infraestrutura a nivel mundial especializada exclusivamente en ofrecer servizo de DNS. Pódese configurar un control paterno para evitar que os pequenos naveguen por páxinas inadecuadas. Protección contra phising (suplantación de identidade, sobre todo de entidades bancarias, que copian o formato dun web para tentar obter información de usuarios enviando correos onde se lles solicita información confidencial relacionada coa conta bancaria que un banco nunca pediría), virus, malware, etc...

Non só se adica a traducir os enderezos web, tamén se ven favorecidos servizos de mensaxaría, descargas P2P, descargas directas...

Inconvenientes de OpenDNS?

OpenDNS saberá que páxinas visitamos, xa que todas as nosas peticións pasan polos seus servidores (cos ISP do noso provedor de Internet pasa o mesmo, sabe en todo momento os nosos movementos pola web), así non nos queda máis remedio que confiar en que non violen a nosa intimidade.

Conservación de rexistros durante 2 días se non estás rexistrado con OpenDNS ou de estalo podes elixir que non se garden ou eliminalos cando desexes.

Open Guide: Cando se escribe mal un dominio ao que non podemos acceder porque non exista, non saiba corrixir a un nome correcto ou, simplemente, estea caido, redirixenos cara a unha páxina de erro que contén publicidade.

A intimidade é o que máis preocupa aos usuarios e o feito de que todas as consultas en google realízanse nun proxy propio de OpenDNS, evitando usar o de google. Desde OpenDNS aseguran que se trata exclusivamente para solucionar un problema coa barra de google e o proxy creouse exclusivamente para garantir mellor o funcionamento de google... aclárano aquí. Non obstante esta característica pódese desactivar se nos rexistramos na páxina de OpenDNS e ligar o IP do noso computador coa nosa conta e desactivar o proxy.

En definitiva: Salvando o inconveniente da redirección a un proxy de OpenDNS cando accedemos a google cos seus DNS e que ten solución ao rexistrarnos de xeito gratuíto na páxina de rexistro elixindo a opción OpenDNS Basic e desactivar esa opción, ofrécenos un servizo igual que os provedores nacionais ISP, con filtrado de webs para menores e sen ter que instalar nada nin pagar por iso (obter unha conta con maiores privilexios é opcional e require un abono). Podémolo considerar como unha firme alternativa aos nosos servidores de DNS tradicionais (ISP).

Como instalar OpenDNS?

Instalación básica

Non fai falta instalar nada, só hai que cambiar o enderezo IP onde apuntan os nosos servidores DNS polos que nos facilita OpenDNS para que apuntemos aos seus.

Non hai que instalar ningún software adicional porén os beneficios son importantes. Ademais de gañar en velocidade de acceso ás páxinas visitadas, gañase tamén en seguranza.

Configuración en Ubuntu
Configuración en Window$

Neste caso só se modifica un equipo en concreto. Serve tanto para equipos Window$ como GNU/Linux. En cada sistema haberá que acceder á ferramenta de configuración de rede correspondente.

No caso dunha aula ou centro, cuxa conexión a Internet ou ao resto do centro se faga a través de un encamiñador (router), hanse cambiar os DNS do encamiñador. É posible que nos domicilios familiares tamén se utilice esta estrutura se se dispón de máis dun equipo. Para elo, e dependendo de cada encamiñador en particular, hai que localizar dentro do menú de configuración a opción correspondente e cambiar os DNS do provedor habitual polos de OpenDNS.

Configuración dun encamiñador KTI

OpenDNS ten unha páxina de configuración de encamiñadores por fabricante, aínda que está en inglés e moi sinxelo seguilas.

Se accede á páxina web do proxecto pódese realizar o cambio dos DNS seguindo uns sinxelos pasos pudendo realizalo no equipo, no encamiñador ou no servidor DNS que teñamos configurado se dispomos de equipo servidor en casa (Windows 2003, 2008, ou Bind en GNU/Linux). Se se realiza o cambio de DNS desde o web o propio proceso ten un paso no que se crea unha conta de usuario. O usuario recibe un correo á conta de correo ofrecida e desde ela confirmará a súa nova conta en OpenDNS.

Nota importante: non se nos pedirá ningún dato persoal, só unha conta de correo utilizable

Funcións Complementarias

Estas funcións son gratuítas pero requiren de inscrición previa na páxina de OpenDNS:

  • Filtro de páxinas web para adultos.
  • Activación/Desactivación de corrección automática de enderezos: Se escribimos mal un enderezo redirixenos á que mais se pareza (gogle.es está mal escrito pero redirixiríanos a google.es).
  • Filtro de web-proxy.
  • Bloqueo/desbloqueo doado de dominios e sub-dominios (blacklist/whitelist)
  • Estatísticas detalladas (gráficos, táboas, descargables en CSV).
  • Opción de conservar rexistros (comentado anteriormente).
  • Personalizar páxinas de erro

Configuración das funcións complementarias

--miguelbf 08:52 26 ago 2010 (UTC)