Configuración da intimidade en Facebook
Contenido
Proceso de configuración da intimidade
Agora toca configurar a intimidade da nosa conta de Facebook, o último punto da lista que se nos presenta tras a creación dunha conta, e porén o máis importante.
A ligazón anterior enviaranos a unha páxina que explica como facelo e cal é a forma máis axeitada de protexer a intimidade. Pero aquí simplificaremos a explicación da parte técnica, limitándonos asemade á mesma. Ademais, o que Facebook entende por “forma axeitada de protexer a intimidade”... en fin, mellor nin molestarse en lelo.
Así que a continuación iremos ao seguinte enderezo: facebook.com/settings/?tab=privacy.
Unha vez na páxina á que liga, premeremos na ligazón que di «Personalizar axustes», marcada de cor amarela na imaxe anterior. Isto levaranos a unha nova páxina na que poderemos configurar de maneira completa protección da nosa intimidade.
Intimidade do que se comparte
A páxina contén listas de contidos, separados por seccións, cada un acompañado de cadanseu botón gris cun cadeado. O candeado permite configurar quen ten acceso a cada contido, permitindo elixir entre catro posibilidades:
- Todos
- Calquera pode ver o contido, mesmo dende fóra de Facebook.
- Amigos de amigos
- O contido poden velo os que estean na nosa lista de amigos e os que estean nas súas respectivas listas de amigos.
- Só amigos
- O contido só poden velo os que estean na nosa lista de amigos.
- Personalizar
- A configuración da intimidade establecerase ao publicar o contido, e variará duns a outros.
Dado que para contidos específicos se poden establecer configuracións específicas de protección da intimidade, a configuración dos valores predeterminados vai ser moi doada. A continuación amosaranse parellas de imaxes, a primeira corresponderase coa que Facebook considera segura. A segunda será a recomendada. O mellor é partir da máxima seguranza que Facebook permite, e xa logo, se cadra, reducir a protección nalgún aspecto concreto.
A primeira sección corresponde á intimidade nas cousas que se comparten na rede. Os seus valores predeterminados, os que Facebook considera seguros, son estes:
Porén, recoméndase cambialos por estoutros:
Ademais de configurar a intimidade das cousas compartidas polo usuario ─como pode verse na imaxe anterior─ a páxina permite tamén configurar os contidos doutros usuarios relacionados connosco. Os seus valores predeterminados son os seguintes:
E os seguros estoutros:
E por último toca configurar a intimidade da nosa información de contacto. Desta vez si que podemos deixar os valores predeterminados (Facebook non se ía equivocar en todo!):
Unha vez configurase ao seu gusto a súa intimidade respecto dos contidos compartidos en Facebook, prema no botón «Voltar á privacidade» da parte superior para volver á páxina anterior e continuar configurando outros aspectos da súa intimidade na rede social.
Chegados a este punto, xa conseguiríamos a puntuación máxima nas probas de Profile Watch, porén ditas probas deixan de lado gran parte dos aspectos de protección da intimidade en Facebook, polo que debemos continuar personalizando a nosa configuración.
Intimidade da información básica
O seguinte aspecto da intimidade a configurar será a «Información básica do directorio». Así que prema na ligazón azul desta sección da páxina (na parte superior) que di «Ver axustes»:
A continuación amosarásenos unha páxina similar á vista anteriormente co mesmo tipo de botóns para configurar quen ten acceso a segundo que información. Neste caso, por suposto, a configuración predefinida por Facebook non resulta nada segura:
Así que haberá que cambiar os valores aos seguintes:
Unha vez configurada de maneira segura a súa intimidade respecto da información compartida en Facebook, prema no botón «Voltar á privacidade» da parte superior para volver á páxina anterior e continuar configurando outros aspectos da súa intimidade na rede social.
Intimidade nos aplicativos, xogos e sitios web
O seguinte aspecto da intimidade a configurar será a relativa ás «Aplicacións e sitios web». Así que prema na ligazón azul desta sección da páxina (na parte inferior esquerda) que di «Modificar os teus axustes»:
E a continuación cargarase a seguinte páxina:
O primeiro apartado permite a configuración dos aplicativos, os xogos e os sitios web que se utilizan con Facebook, pero de momento non deberiamos ter ningún, así que non temos nada que facer aí. No segundo apartado tampouco debería haber nada que tocar, dado que de maneira predeterminada xa está marcado como «Só amigos».
O terceiro apartado, «Información accesible a través dos teus amigos», xa é outro conto. Dito apartado controla a información que os aplicativos, os xogos e os sitios web que utilizan a plataforma de Facebook poden obter dos nosos amigos. O usuario debería preguntarse nestes momentos: «por que deberían ter estes información miña se non lla dou eu explicitamente?». A resposta está na pregunta: «non deberían». Porén, Facebook permite de maneira predeterminada que teñan acceso a través dos nosos amigos a unha gran cantidade de información, e iso hai que solucionalo.
Prema no botón «Modificar axustes» de dito apartado, e amosarase o seguinte cadro:
Agora deberemos desmarcar todas as caixas, para así evitar que os nosos amigos poidan regalarlle a nosa informacións aos aplicativos, os xogos e os sitios web que utilizan a plataforma de Facebook:
E unha vez feito, prememos no botón para «Gardar os trocos». A continuación premeremos no botón de «Modificar axustes» da cuarta sección, «Personalización instantánea», para botarlle unha ollada ao seu contido:
Como pode lerse na páxina, trátase de permitir que se personalicen os contidos dalgunhas páxinas coa información do noso perfil de Facebook, pero respectando a nosa configuración de protección da intimidade. Isto significa que esta funcionalidade non supón ningún risco para a nosa intimidade, en caso por suposto de seguirse as instrucións deste artigo para a configuración segura da protección da intimidade.
Por tanto, queda a escolla do usuario deixar ou non marcada a caixa que aparece na parte inferior da páxina. Unha vez tomada a decisión e desmarcada ou non a caixa, prema o botón da parte superior da páxina que di «Volver ás aplicacións» para volver á páxina anterior.
Agora toca «Modificar axustes» do último apartado desta páxina, «Buscas públicas». Isto levaranos a unha páxina na que podemos ver que de maneira predeterminada se permite que calquera poida atopar o noso perfil buscándonos nun motor de busca alleo a Facebook:
Isto non é seguro, e de feito resulta bastante perigoso. Así que deberemos desmarcar a caixa que aparece na parte inferior. Ao facelo, aparecerá un cadro e pedirásenos que confirmemos a operación:
E tras premer en «Confirmar», a páxina debería quedar así:
E con isto podemos poñer punto e final á configuración da protección predeterminada da nosa intimidade en Facebook.
Acceso á configuración da protección da intimidade
En caso de que nalgún outro momento queira volver á páxina de configuración da protección da intimidade para modificar algúns dos seus valores ou para asegurarse de que está usando unha certa configuración, pode facelo en calquera momento dende o menú de «Conta» situado no extremo superior dereito da súa páxina en Facebook, tal e como pode observarse na seguinte imaxe:
Se xa iniciou sesión en Facebook, tamén pode chegar á páxina mediante o seguinte URL: http://www.facebook.com/settings/?tab=privacy.
Configuración dos aplicativos
Hai unha páxina de configuración da protección da intimidade que adoita pasarse por alto, debido a que non está ligada dende a páxina anteriormente mencionada: a configuración dos aplicativos. Para acceder a esta páxina farase dende o menú principal: prémese o menú de «Conta» e nel a ligazón a «Axustes da aplicación», tal e como se amosa na seguinte imaxe:
Se ben alguén podería considerar a páxina inútil en principio ─nesta guía recomendamos non utilizar aplicativos de Facebook, «que imos configurar se non usamos aplicativos?» poderíase pensar─, configurar a intimidade desta páxina é moi importante. Por que? Porque Facebook chámalle neste caso aplicativos ao que nesta guía non consideramos tal, dado que son “aplicativos” que forman parte do propio Facebook. É por isto que debemos acceder á páxina.
Na secuencia de imaxes anterior podemos ver a operación que teremos que levar a cabo con cada un dos elementos que apareza na lista de aplicativos (no exemplo estanse efectuando os cambios co aplicativo «Eventos»). É dicir, para cada un dos elementos da lista debemos premer na súa ligazón «Modificar axustes», e na caixa que apareza deberemos modificar o valor da intimidade, limitándoo a «Só amigos». Na caixa existen tamén outras configuracións interesantes respecto do que poden e non poden facer estes aplicativos, pero ningunha que vulnere directamente a nosa intimidade (simplemente pode resultar incómoda algunha configuración predeterminada).
Profile Watch
Profile Watch é unha ferramenta que se supón permite avaliar o nivel de protección da intimidade da nosa conta de usuario. Non ten moito sentido porén aconsellar o seu uso nesta guía, dado que a avaliación é demasiado incompleta ─deixa de lado moitos aspectos da protección da intimidade─ e trátase dun aplicativo de Facebook, deses que poden quedar cos nosos datos mesmo unha vez borrada a nosa conta de Facebook. Por estes motivos non resulta necesario (nin moito menos) utilizalo.
Porén, xa que mencionamos a súa existencia, o axeitado é explicar o seu funcionamento, dado que o sitio non ten tradución ao galego. Os pasos a seguir son os seguintes: (1) inicie sesión na súa conta de Facebook, (2) prema no botón do menú principal que di «Perfil», (3) copie o URL do navegador web1 e (4) e introdúzao na caixa que aparece en http://www.profilewatch.org/, diante de «Facebook Profile URL:».
Notas
- O URL é o texto que hai na parte superior do navegador web, e que comeza da seguinte maneira:
http://www.facebook.com/profile.php
.
Autor: Gallaecio 21:01 26 ago 2010 (UTC)