2026
esLibre 2026 en Melide
|
O congreso esLibre 2026 configurouse como un evento de referencia sobre cultura e tecnoloxías.
Após 6 anos, o Congreso esLibre, do que GALPon forma parte do equipo organizador, consolidouse coma un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías e na cultura libre, enfocado a compartir coñecemento e experiencias arredor das mesmas.
Xa no ano 2022 organizáramos en Vigo, en colaboración con AGASOL (Asociación de Empresas de Software Libre) unha edición deste congreso. Porén, este ano quixemos celebrar o Congreso na Vila de Melide, nun intento de rachar coa inercia de organizar estes encontros sempre nas Vilas grandes, especialmente A Coruña, Santiago e Vigo e abrir a tecnoloxía cara a outros contornos sociais.
Nesta ocasión fomos da man de MeLiSa (Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide).
Tras ser aceptada a nosa proposta conxunta —de GALPon e MeLiSa—, e aceptadas como comunidades anfitrioas, puxémonos a traballar, atopando dificultades como o peche de Lavacolla nas datas que inicialmente tiñamos previstas e que nos levou ás datas que foron definitivas.
Entrando nunha descrición técnica máis concreta, indicar:
- Propostas recibidas (as aprobadas poden seguirse aquí: https://propuestas.eslib.re/2026)
- 42 para relatorios, das que se aprobaron 40.
- 9 para a realización de obradoiros
- 4 para a coordinación de «salas»
- 3 para a realización de «mesas» temáticas
- Durante o desenvolvemento mantivemos activas 4 pistas de conferencias/relatorios/obradoiros.
- Todas as actividades foron gravadas en vídeo, ao tempo que eran retransmitidas en directo.
- Toda a infraestrutura/plataformas de coordinación, traballo e retransmisión, están construídas con Software Libre (BigBlueButton, Nextcloud, Mobilizon, Liberaforms, Yakforms, Matrix, Mastodon, PeerTube, Forgejo-Codeberg…)
Lugar e datas
Como xa queda indicado, o lugar foi Melide e as datas os días 17 (venres) e 18 (sábado) do mes de abril.
Para o desenvolvemento das actividades, o Concello de Melide cedeunos o uso das instalacións do CSC Mingos de Pita e mais varias salas no Edificio Multiúsos, un á beira do outro na Praza das Universidades.
Inscricións
A asistencia foi aberta, libre e de balde, só era preciso rexistrarse na páxina da plataforma Mobilizon (.fr) que habilitamos a ese efecto.
Para a recepción de propostas de relatorios ou obradoiros, empregouse a páxina de GitLab de esLibre
Asistencia
Todas as actividades foron de acceso libre, agás os requisitos de inscrición previa e capacidade, podendo ser seguidas asistindo en persoa ou en liña, usando plataformas propias do congreso tanto para o rexistro dos asistentes presenciais (que permitiu o control da capacidade) como a retransmisión de todo o programa do congreso. Buscábase chegar a todo tipo de perfiles como público obxectivo: desenvolvedores, docentes, editores, divulgadores, argalleiros (makers), artistas, emprendedores... calquera persoa que tivera como nexo de unión o interese pola cultura libre.
Asistiron persoas relatoras procedentes da Arxentina, Colombia e México, puidemos contar cun equipo de traballo do Goberno Mexicano (enfocado na soberanía tecnolóxica), asistiron tamén,persoas que forman parte dos claustros das Universidades Da Coruña (UdC) e de Santiago (USC). Destacar a presencia de 3 equipos de traballo da Universidade Rey Juan Carlos (Madrid) cada un con cadansúa proposta. Tamén, como xa é habitual, o equipo de Wikimedia España desenvolveu unha sala sobre o futuro da edición na Wikipedia. Asistiron outras persoas vinculadas a Universidades do resto do estado, mais fixérono a título persoal.
Finalmente a asistencia podemos cifrala en 186 persoas, co que cumprimos as nosas estimacións previas. Indicar tamén que, asemade, contamos coa colaboración de 20 persoas voluntarias, na súa maioría procedentes de diversos GUL galegos (GPUL, O Zulo e os propios GALPon e MeLISA), para a realización de todos os traballos de apoio. O seguimento en liña tivo picos de conexión de 25 persoas, non podemos asegurar que fosen «únicas».
Programa
Pódese ver o programa en detalle na páxina específica na web de esLibre. No decurso dos dous días desenvolvéronse, entre relatorios, salas e obradoiros, 47 actividades.
Queremos salientar que o horario tamén estaba dispoñíbel para os lectores de pantalla empregados por persoas invidentes (https://eslib.re/2026/gl/horario/lector/).
O venres 17, a xornada comezou ás 9:30 seguido da presentación do congreso ás 10.00. Realizándose as distintas actividades entre as 10:30 e as 20:30. Seguimos o sábado 18 comezando a xornada ás 9:30 ata as 18:00 co acto de clausura. Aínda así, a xornada continuou cunha Ruta por Melide dirixida por persoal do Museo da Terra de Melide.
Pódese ver o horario final (tras os axustes producidos durante o desenvolvemento do propio congreso) en: https://eslib.re/2026/gl/horario/ (tamén en «es» e en «en»).
Documentación
Todas as actividades, relatorios, obradoiros e salas, foron gravados en vídeo. Estas gravacións, unha vez editadas e revisadas, supoñen máis de 26 horas de vídeo. Para publicar este material, puxemos en marcha a plataforma TubeLibre, baseada en «PeerTube», onde están dispoñíbeis baixo a licenza CC By SA.
|
Presentación da plataforma de vídeo TubeLibre
Obradoiro práctico sobre gravación e difusión de eventos
Open:bit -> micro:bit, robótica e software libre
A fin de tirarlle rendemento ao hardware mercado o pasado ano coa achega económica da AMTEGA, organizamos un obradoiro dirixido á xente miúda, dirixida polo mestre Manuel Cuervo.
Este obradoiro sobre micro:bit, empregando o software en liña MicroBlocks, levou por título Open:bit -> micro:bit, robótica e software libre.Constrúe o teu primeiro proxecto con micro:bit!
Realizado na Industriosa o sábado 11 de xullo entre as 11:00 e as 13:30, tivo unha asistencia de 12 cativos de 8 a 15 anos e de 3 adultos.
Para a inscrición empregamos a plataforma LiberaForms
Este obradoiro pode ser un punto de partida para outros a organizar en datas vindeiras (unha posibilidade é darlle forma semellante aos campamentos urbanos en datas de vacacións escolares).