2024

De GALPon WiKi

Colaboración na organización do Congreso esLibre 2024

Co gallo da esLibre 2024, dous membros da directiva e varios socios de GALPon desprazáronse, os pasados 24 e 25 de maio, ata Valencia a fin de colaborar na edición deste ano. Como ben sabedes xa, esLibre é un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías e na cultura libre, enfocado a compartir coñecemento e experiencias arredor das mesmas. Após a edición de 2022, celebrada en Vigo, GALPon pasou a formar parte de grupo organizador. Este congreso consolidouse coma un importante evento na comunidade «libre», sendo imprescindíbel asistir a el, tanto pola importancia e gran nivel das propostas como pola relación entre usuarios e comunidades. A nosa colaboración inclúe a colaboración na xestión de relatorios e análise de propostas, ata a organización material, coordinación de salas e relacións cos relatores. Tamén xestións previas con entidades locais ou empresas, para o mellor fin do Congreso. Este ano celebrouse en Valencia, da man de «GNU/Linux Valencia», coa colaboración doutros grupos locais coma «Emancipació comunitaria», «Hacker Space Valencia», «VLC Tech Hub» ou «Hack Valencia», nos locais de «Las Naves» e «La Mutant» coa colaboración do Concello de Valencia e da institución municipal «Valencia Innovation Capital». De volta na casa, comezamos xa a colaborar na edición de 2025.

Co patrocinio de:

A industriosa logo 0.jpg

Este actividade foi parcialmente subvencionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do programa de subvencións publicada no DOG Núm. 157 o luns 21 de agosto de 2023.

Obradoiros

Sistemas de autenticación con segundo factor (A2F) mediante chave USB

Este obradoiro realizouse o venres 8 de marzo a partires das 19 horas e cunha duración de 2h 30min.

No uso e administración dos sistemas Linux, os usuarios comezan por autenticarse co sistema que pretenden utilizar ou administrar. A forma máis común é autenticarse mediante un nome de usuario e un contrasinal, mais no sistema operativo GNU/Linux pode utilizar varios métodos para realizar esa autenticación. Neste obradoiro práctico amosouse como autenticarse nos accesos (login) en máquinas Linux utilizando un dispositivo físico (memoria USB) como elemento necesario para acceder ao sistema, sen ningún contrasinal, así como o seu uso como segundo factor de autenticación.

Programa

  • Introdución e obxectivos.
  • A autenticación. Sistemas FIDO, OAuth etc.
  • O sistema de módulos de autenticación conectables PAM.
  • O módulo pam_usb, instalación e configuración.
  • Chaves comerciais (Yubikey etc.).
  • Tarxetas intelixentes (smartcards). O DNI electrónico e o seu uso como autenticador.

Software libre para fotógrafos, uso básico de darktable

Este obradoiro realizouse o venres 15 de marzo a partires das 19 horas e cunha duración de 2h 30min.

Nos últimos 20 anos a fotografía experimentou un gran cambio tecnolóxico. A dixitalización provocou un crecemento exponencial da cantidade e calidade das fotografías que podemos facer, conseguindo así milleiros de ficheiros, en distintos formatos, que teremos que xestionar. Para axudarnos, aparecen diversos programas especializados en catalogar, almacenar e procesar todos estes ficheiros. Neste obradoiro de software libre para fotógrafos analizouse o fluxo de traballo dunha fotografía e como podemos axudarnos con programas libres de alta calidade, como Darktable, para facilitar a xestión diaria das fotografías que acumulamos.

Programa

  • Introdución e obxectivos
  • A evolución da fotografía. Formatos RAW.
  • Darktable, interface e módulos principais.

Software libre para radioafeccionado

Este obradoiro realizouse o venres 26 de abril a partires das 19 horas e cunha duración de 2h 30min.

Dende os seus inicios, a radioafección estivo relacionada coa investigación técnica no campo das radiotelecomunicacións por parte dos afeccionados a esta tecnoloxía. A medida que a tecnoloxía de radio se dixitalizou, fíxose posible enviar e recibir comunicacións por radio entre ordenadores conectados tanto a Internet como transceptores. A dixitalización tamén permitiu o desenvolvemento da radio definida por software (SDR), que permite o tratamento (modulación, demodulación, filtrado, decodificación...) dos sinais de radio captados por unha antena. Neste obradoiro veremos diferentes softwares libres empregados polos radioafeccionados para facilitar o exercicio desta afección.

Programa

  • Introdución e obxectivos.
  • Evolución da radioafección, dos modos dixitais e do WSJTX.
  • O libro de garda e moito máis: CQRLOG.
  • A QSL dixital: LoTW (TrustedQSL) e eQSL.
  • Radio definida por software (SDR). GQRX.
  • Outros programas libres

Introdución ao uso de nftables para construír devasas personalizadas

Este obradoiro realizouse o venres 19 de abril a partires das 19 horas e cunha duración de 2h 30min.

Actualmente, no mundo hiperconectado no que vivimos, a seguridade informática é fundamental. Un elemento principal e imprescindible neste ámbito é a devasa, elemento que nos permite filtrar o tráfico segundo os nosos intereses, e que constitúe unha primeira gran barreira fronte á inmensidade de conexións que aparecen en calquera dispositivo conectado a Internet. Comprender como se conectan os dispositivos de rede IP entre si é esencial para filtrar o tráfico e eliminar todo o que pode ser potencialmente perigoso para os sistemas e os usuarios. O sistema GNU/Linux integra no seu núcleo unha estrutura que permite filtrar e manipular o tráfico dun xeito eficiente: nftables. Neste obradoiro amosaronse as ferramentas que nos fornece o proxecto Netfilter para construír devasas adaptadas a cada necesidade que poidamos ter, dende redes sinxelas ata sistemas segmentados e complexos. Tamén se viron utilidades que usan nftables que facilitan a implantación para os usuarios, como firewalld.

Programa

  • Introdución e obxectivos.
  • Redes IP, conectividade de dispositivos.
  • Filtrado de tráfico en Linux, ipchains, iptables, nftables.
  • O sistema nftables, configuración e uso.
  • Construír devasas completas con nftables.
  • Firewalld

Info xeral dos obradoiros

As convocatoria realizáronse a través do noso grupo na plataforma libre «Mobilizón».

Os obradoiros foron retransmitidos a través da plataforma BBB de video-aitire.cloud, gravados e, publicados na nosa canle no fediverso https://veedeo.org/c/obradoiros.galpon/videos ou ben buscando obradoiros.galpon@veedeo.org en calquera servidor peertube federado. Asemade, as documentacións xeradas polo relator publicáronse na sección «Documentación de obradoiros» na nosa web.

Coa colaboración de:

A-Industriosa.jpg

Co patrocinio de:

A industriosa logo 0.jpg

Este actividade foi parcialmente subvencionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do programa de subvencións publicada no DOG Núm. 157 o luns 21 de agosto de 2023.