Uso xeral de Facebook

De GALPon WiKi
Revisión del 23:24 23 ago 2010 de Gallaecio (Discusión | contribuciones) (Vou gardando e sigo.)

Iniciar sesión

«Iniciar sesión» é o que popularmente se coñece como «entrar no Facebook», e unha vez rexistrada a conta é tan doado como ir a http://gl-es.facebook.com/ e introducir na parte superior o noso enderezo de correo electrónico e mailo noso contrasinal de Facebook, e logo premer no botón da dereita que di «Iniciar sesión».

Máis adiante aprenderemos a pechar a sesión antes de saír de Facebook dende o menú principal, algo moi importante por motivos de seguridade.

Primeiros pasos

Unha vez configurada a protección da nosa intimidade, é hora de dar os primeiros pasos nesta rede social. Procuraremos completar (tendo en conta as cuestións de seguridade persoal) os outros catro apartados que se nos amosaran inicialmente tras a creación da nosa conta en Facebook.

O primeiro apartado indícanos que busquemos amigos en Facebook que teñamos como contactos na nosa conta de correo. En teoría Facebook non garda o noso contrasinal, pero depende do usuario confiar ou non en que o cumpra. O que si cómpre considerar é se de verdade temos a necesidade de agregar a toda persoa que teñamos como contacto na nosa conta de correo electrónico. A miúdo buscar aos nosos verdadeiros achegados mediante o buscador de Facebook, ou pedíndolles a eles mediante sistemas alternativos que nos pidan a amizade (mediante mensaxería instantánea ou correo electrónico) resulta nunha experiencia máis persoal. E Facebook non se trata de chegar a 5.000 amigos, senón de relacionarse por medio da rede cos que de verdade o son.

Buscar contactos presentes en Facebook.png

En caso de confiar en Facebook, solicitarásenos o contrasinal do noso correo electrónico (que debería ser distinto do de Facebook, por suposto), e unha vez introducido Facebook amosaralos a lista de contactos que teñen unha conta en Facebook xa creada, e da lista poderemos elixir a quen agregar e a quen non. Unha vez escollida a xente que queiramos agregar como amigos, Facebook enviaralles as respectivas invitacións e ofreceranos enviarlles aos nosos contactos que non están en Facebook invitacións para unirse á rede social. Se quere que os seus amigos se unan á rede, o mellor sería que llo comunicase de maneira máis persoal por outro medio. Recibir este tipo de mensaxes pode resultar bastante molesto para o destinatario.

Máis adiante verase como buscar amigos.

O segundo apartado consiste en engadir ao noso perfil unha foto. Neste punto temos que pensar que a foto que colguemos estará dispoñible para calquera persoa, polo que nós recomendamos non subir ningunha, ou en todo caso subir unha que nada teña que ver connosco ─e por motivos legais que estea preferiblemente no dominio público─. Por exemplo, pode buscar unha fotografía que lle resulte interesante neste artigo da Wikipedia en castelán (na parte inferior amósanse ligazóns a moitas fontes de imaxes no dominio público). Cando teña (no seu disco duro, nun cartafol calquera) a imaxe que quere subir (se é que quere subir algunha), prema na ligazón que di «Cargar unha foto»:

Cargar unha foto para o perfil.png

Ao premer nela abrirase unha caixa de diálogo pedíndonos a ruta ao ficheiro da imaxe a subir. Simplemente teremos que premer no botón de «Examinar» (depende do navegador web dende o que se acceda) e buscar a imaxe no cartafol onde a deixamos. Unha vez escollida, subirase aos servidores de Facebook e poderemos vela. Preséntovos a María Dama de Coristanco:

O seguinte punto consiste en completar a nosa información do perfil, e aparece un botón que di «Editar Perfil». Premámolo, o que nos levará á seguinte páxina que poderemos (non “deberemos”) completar con información nosa.

Agora cómpre termos moito coidado co que enchemos, e con como o enchemos. Por exemplo, hai campos que non importa encher, no sentido de que en principio cubrilos non debería supor unha gran fenda na nosa intimidade. Son campos coma a nosa localidade, lugar de nacemento, sexo (xeralmente dedúcese de todos xeitos do nome), etc. Porén, que quede claro que non nos fai falla enchelos. De feito, a data de nacemento amósase de maneira predeterminada, polo que se non queremos que se amose, deberemos especificalo mediante o menú despregable que aparece á súa dereita, escollendo «Non mostra-lo meu aniversario no perfil».

Hai outros campos que si habería que preguntarse se debemos ou non enchelos. Por exemplo, mellor sería non especificar as nosas preferencias sexuais nin “o que buscamos” en Facebook. Ambas as dúas cousas son moi persoais, e sería preferible gardar esa información para o noso círculo de amigos máis íntimo. Ademais, existen redes sociais especializadas nas relacións persoais ás que acudir en caso de que iso sexa o que busquemos, Facebook está para uns usos máis xerais.

O mesmo podería dicirse dos seguintes campos: orientación política, tendencias relixiosas, biografía ou citas favoritas. Debería procurarse non dar información persoal innecesaria, polo que o mellor é deixar estes campos en branco ou simplemente enchelos con información que non comprometa a nosa intimidade, coma algún contido incongruente ou ambiguo.

Un exemplo dun perfil persoal seguro é o da nosa amiga María, que seguindo os nosos consellos cubriu o perfil do seguinte modo:

Unha vez completada a información, premeremos en «Gardar os trocos», e premeremos na icona de Facebook que se atopa na parte superior esquerda da páxina. Esta levaranos de novo á lista de cinco puntos (que a estas alturas xa non terá os cinco) onde só nos resta explorar un último punto: buscar amigos en Facebook. No punto podemos ver unha caixa na que introducir ben o nome (e tantos apelidos como saibamos) ou o correo electrónico dunha persoa que coñecemos é á que queiramos ter como amiga en Facebook:

Podemos volver buscar amigos en calquera momento, non temos por que facelo cando a Facebook lle apetece, pero en caso de que coincida que queremos facelo agora (para que negalo, é un momento tan bo como calquera outro), fagámolo. Por exemplo, María vai buscar ao seu amigo de toda a vida, José, que disque tamén ten un Facebook destes. Primeiro paso, introducir o nome completo do amigo:

A continuación darémoslle a "Intro" ou á icona da lupa que aparece á dereita. Se o que introducimos é o enderezo de correo electrónico da persoa, atoparémola ou non, pero se introducimos o nome podémonos atopar con moitos resultados distintos. María tivo sorte, o único resultado que aparece é o seu amigo José:

Pero mesmo en casos en que non atopamos máis que un resultado ao buscar polo nome, cómpre contactar coa persoa por un medio alternativo para asegurarmos de que se trata dela. O mellor será que busquemos á persoa polo seu correo electrónico, dado que así saberemos seguro que estamos engadindo como amigo a quen buscamos, e non a outra persoa co mesmo nome ou que se fai pasar por el.

Como puidestes ver na imaxe anterior, ao carón do nome da persoa aparece unha ligazón que di «Engadir como amigo». Para solicitar a súa amizade a través de Facebook abondará con premela. Tamén, se a persoa o permite, podemos enviarlle unha mensaxe a través de Facebook (ligazón «Enviar unha mensaxe» baixo a anterior) para dicirlle que somos nós, para que saiba que pode aceptarnos. Tamén coidado co que se di na mensaxe: pode non ser quen cremos. Pero o mellor é contactar coa persoa por outro medio para falar con ela e explicarlle que se trata verdadeiramente de nós quen lle pediu a amizade, para que así non teña dúbida e nos acepte.

Unha vez solicitada a amizade dunha persoa en Facebook, abonda con agardar a que esta nos acepte, o que ocorrerá probablemente en canto dita persoa se conecte a Facebook. Pero xa falaremos do que se experimenta ao recibir unha solicitude, nós de momento, coa primeira busca de amigos rematamos os primeiros pasos que nos recomenda Facebook que realicemos.

A interface

Agora que xa utilizamos un pouco o Facebook, toca familiarizarmos coa interface de Facebook:

Interface de Facebook.png

A continuación analizarémola parte por parte, explicando a función de cada unha destas partes, e como utilizalas.

Logotipo

O logotipo de Facebook, situado no bordo superior esquerdo, liga xeralmente á páxina de novas do «Inicio», que veremos máis adiante.

Alertas

As “alertas” son as catro iconas pequenas que hai xusto á dereita do logotipo de Facebook que hai na parte superior esquerda da interface. Son as que aparecen salientadas de cor amarela na seguinte imaxe:

Interface de Facebook coas alertas salientadas.png

Estas iconas permítennos saber cando recibimos unha solicitude de amizade, unha mensaxe ou un aviso de Facebook. Cada vez que ocorre unha destas tres cousas, sobre a súa respectiva icona aparece o número «1», e se ocorre de novo, o número aumenta, e só diminúe cando o usuario despacha ou le as solicitudes, mensaxes ou avisos.

Por exemplo, se en vez de ser María quen solicitase a amizade de José, a cousa sucedese ao contrario, José envíalle unha solicitude de amizade a María, esta vería que sobre a primeira das iconas, a das solicitudes de amizades, aparecería un número «1», indicando que ten unha solicitude de amizade. E ao premer sobre dita icona podería ver que se trata de José:

Primeiro amigo que nos agrega ao Facebook.png

E entón, se María aceptase, a José apareceríalle un aviso (na terceira icona das alertas) indicando que María o aceptou como amigo, tal e como pode verse na seguinte imaxe:

De todos xeitos agora non imos ver como aceptar solicitudes de amigos, iso queda para máis adiante (pero non ten ciencia ningunha).

Procura

A procura é unha caixa de texto que permite introducir criterios de busca para navegar por Facebook. É dicir, buscar cousas entre os distintos contidos de Facebook: persoas, páxinas (de famosos, grupos, comercios, etc.), grupos, aplicativos (que recomendamos non usar), eventos, etc. Na seguinte imaxe aparece salientada en cor amarela:

Interface de Facebook coa procura salientada.png

Se buscamos algo ante o que existe un resultado que coincide completamente, entón apareceranos directamente a coincidencia. Porén, se buscamos algo que poida referirse a varias cousas pero a ningunha seguro, apareceranos unha lista de posibles resultados. Por exemplo, a pobre de María tiña apetito e buscou mazás, pero nada, que só había xente con ese apelido:

Nótese que no panel esquerdo da imaxe aparecen distintas categorías de contido. Supoñendo que busquemos algo para o que haxa contidos distintos en moitas categorías pero nós esteamos buscando unha soa, premendo en dita categoría no panel amosaríanse só os seus resultados. Por exemplo, se buscásemos un grupo concreto e aparecesen entre os resultados persoas e páxinas con nomes similares, poderíamos premer en «Grupos» no panel esquerdo para así limitar os resultados amosados a grupos.

Cando queiramos buscar amigos nosos en Facebook, o mellor xeito de facelo e escribir directamente o seu nome completo no cadro de procura. Se non nos aparece directamente a páxina do amigo (dende a que podemos de maneira intuitiva solicitar a súa amizade), na lista de resultados poderemos buscalo, probablemente guiándonos pola súa foto de perfil, que tras falar con el ou ela por outro medio deberiamos coñecer (en caso de que non sexa unha fotografía da persoa). Lémbrese en todo momento que a persoa á que lle solicitamos a amizade podería estar suplantando a identidade do noso verdadeiro ou verdadeira amiga, polo que recomendados encarecidamente asegurarnos de que se trata desa persoa contactando con ela por algún método de comunicación alternativo, xa sexa o correo electrónico, a mensaxería instantánea, o teléfono, etc.

Menú principal

O menú principal, situado na parte superior dereita da interface, contén ligazóns ás páxinas de «Inicio» e «Perfil», moi importantes para o uso de Facebook, así como a unha terceira páxina, «Atopar amigos», de moi pouca importancia (xa se explicou antes como buscar amigos), e un botón «Conta» que abre unha caixa con ligazóns importantes que veremos enseguida. Pero o primeiro é ver o menú principal, salientado en amarelo na imaxe a continuación:

O resto de botóns explicaranse máis adiante, pero o último explicarémolo agora. Ao premer en «Conta», aparece unha caixa con diversas ligazóns como a seguinte:

Editar amigos
Este menú leva a unha páxina coas mesmas funcións que a sección de amigos do «Inicio», polo que non ten sentido pararse nela.
Configuración da conta
Este menú leva á páxina «A Miña Conta», onde se poden realizar diversas configuracións relativas á nosa conta de usuario.
Axustes de privacidade
Este menú leva á páxina base para a configuración da protección da nosa intimidade, que xa vimos anteriormente.
Axustes da aplicación
Este menú leva a unha páxina na que se configuran as distintas opcións dos aplicativos utilizados polo usuario, incluídas as de configuración da protección da intimidade. O usuario podería considerar que, dado que non utiliza aplicativo ningún de Facebook, non fai falla acceder á páxina, pero Facebook trata como aplicativos cousas que se comparten a miúdo na rede, que é polo que xa vimos anteriormente como configurar dita páxina.
Centro de axuda
Este menú liga a unha páxina con toda a axuda oficial de Facebook, útil para completar toda aquela información fornecida por esta guía, se ben non tan útil (tirando a ben pouco) en materia de seguridade persoal.
Saír
Finalmente, este menú permite pechar a sesión iniciada en Facebook. Cada vez que se vaia deixar de usar Facebook, cómpre premer aquí antes de pechar a fiestra do navegador web, pois deixar aberta a sesión é un importante risco de seguridade que se debe evitar a toda costa.

Paneis

O resto da interface, de fondo branco, variará segundo a páxina en que se estea, amosando distinto tipo de contido, polo que ás tres columnas que conforman o resto da interface (de fondo branco) se lles denomina simplemente paneis: panel esquerdo, panel central e panel dereito. Cómpre lembralo dado que nos referiremos a eles máis adiante con estes nomes.

Inicio

«Inicio» é a páxina dende a que o usuario xestiona todos os seus contidos, amizades, grupos, etc. É dicir, “o que vemos”. Pódese acceder a esta páxina dende o menú principal en calquera momento. A páxina contén distintas seccións ─que se aumentan ao utilizar aplicativos adicionais, algo non recomendable─ ás que se accede mediante as ligazóns listadas no panel dereito.

Só veremos por tanto aquelas seccións que están dispoñibles de maneira predeterminada, con só algunhas excepcións: non veremos nin «Xogos», nin «Aplicacións», nin «Agasallos». Os dous primeiros porque non recomendamos o seu uso. O último porque non adoita utilizarse ao entrar en contacto por vez primeira con Facebook, e tampouco é que se use moito despois diso.

Benvido

A primeira sección é a de «Benvidos», que debería desaparecer despois de usarmos o Facebook durante un tempo. Nestes momentos o seu contido non nos resultará de gran axuda, dado que xa fomos seguindo os pasos indicados, nunha orde máis lóxica, e coas respectivas consideracións de seguridade. Nestes momentos o seu aspecto podería ser o seguinte:

Novas

A sección de «Novas» podería considerarse a principal para a interacción con outras persoas no Facebook. «Novas» fai referencia a calquera cousa que se queira compartir, e por tanto unha nova pode ser un texto calquera ─unha idea que se nos acaba de ocorrer, algo que nos acaba de suceder, unha cita célebre que acabamos de escoitar, etc.─, unha foto, un vídeo, un evento ─un concerto, por exemplo, que vaia ter lugar─, ou mesmo unha ligazón ─a unha nova nun xornal dixital, a un sitio web que acabemos de descubrir ou simplemente queiramos dar a coñecer, etc.─.

En fin, cando queiramos compartir un elemento puntual, «Novas» será a sección apropiada. A sección tamén inclúe as distintas novas publicadas polos nosos amigos, de xeito que poidamos lelas (ou velas, ou mesmo escoitalas), e mesmo contestalas. Por exemplo, José, o amigo de María, tiña fame, e publicouno en Facebook, de xeito que María, como amiga súa, pode lelo na súa sección de Novas:

Se nos fixamos na imaxe anterior, na caixa en que se pode ler o pensamento de José hai dúas ligazóns azuis: «Comentar» e «Gústame». Estas son unhas das principais maneiras de interactuar cos contidos que outros (ou nós mesmos) publican en Facebook. Así María pode comentar sobre o pensamento que publicou José, ou limitarse a dicir que lle gusta. Ao premer en «Gústame», non haberá nada máis que facer. En caso de premer en «Comentar», abrirase un campo de texto. Nel escribimos o que queiramos con respecto ao que publicou o noso amigo, e prememos no botón azul de «Comentar» que aparecerá a continuación da caixa. Cando o contido non é só texto, tamén aparece a opción de «Compartir», que consiste en publicar nós mesmos o mesmo contido. Asemade, poden aparecer outras opcións, coma «Convidar xente» cando o contido é un evento. Neste caso, María comentoulle:

Este exemplo debeu abondar para facerse unha idea de como vai a cousa. Agora vexamos todo dende o principio dende un punto de vista máis xeral. Ao entrar na sección de «Novas» por vez primeira, o contido probablemente será o seguinte (nada):

No campo de texto que di «Que andas a pensar?» é dende onde publicaremos novos contidos, sexan do tipo que sexan. Ao premer no campo de texto para comezar a escribir, aparece unha caixa con pequenos botóns que permiten elixir o tipo de contido que se vai publicar:

Como podemos ver na imaxe anterior, apareceron catro iconas, que permiten publicar distintos tipos de contidos: (1) imaxes, (2) vídeos, (3) eventos ou (4) ligazóns, sen esquecer os comentarios simples de texto, que non teñen iconas. Se queremos escribir simplemente un texto, escribirémolo e premeremos no botón azul de «Continuar». Se queremos subir un dos outros contidos, premeremos na súa icona e seguiremos as instrucións de Facebook, que se explicarán un pouco máis abaixo.

Os contidos que outros publican podémolos borrar da sección (ao pór o cursor sobre un, aparecerá unha icona azul con forma de “X” na parte superior dereita) para non ter que velos. O contido orixinal, porén, sigue existindo (polo que outros amigos de quen o publicou poden velo). O que si que podemos eliminar son os nosos comentarios sobre contidos doutras persoas. Para iso abonda con premer a ligazón azul do noso comentario que di «Eliminar».

Publicar unha imaxe

Para publicar unha imaxe dende a sección de «Novas» do «Inicio», o primeiro é premer na caixa de texto na que pon «Que andas a pensar?», e a continuación, da caixa que aparecerá ao seu redor, premer na primeira das iconas, a de subir unha imaxe. Isto será o que nos aparecerá a continuación:

Como pode verse, as opcións que se nos dan son tres. Non imos ver neste manual como sacar fotos coa cámara web (quen a teña pode sacar fotos e subilas logo como ficheiros), e o tema da creación de álbums xa se verá máis adiante, polo que agora nos centraremos na primeira opción, a de subir unha única foto. Tras premer a ligazón que di «Sube unha foto». A continuación pedirásenos a ruta ao ficheiro da imaxe:

Así que nos limitaremos a introducir a ruta ao ficheiro, ben manualmente, ben explorando o sistema de ficheiros ata atopar a imaxe (proceso que difire en cada navegador web). Unha vez escollida a imaxe, é hora de escribir algo na caixa de texto na que prememos previamente que a acompañe a imaxe cando a publiquemos (o texto é opcional), e logo abondará simplemente con darlle ao botón azul de «Compartir» para que imaxe e texto se publiquen en Facebook e que os nosos amigos poidan velo. Alguén quizais reparase na imaxe anterior en que hai unha ligazóns que di «Cargar vía correo electrónico». Trátase dun método alternativo polo que se pode subir imaxes a Facebook anexas nun correo electrónico. Pero é un método que non veremos neste manual, pois só é necesario para casos moi concretos.

María seguiu as nosas instrucións, e subiu unha foto do seu gato, Bigotes, co texto «Bigotes!» acompañándoa:

Foto de Bigotes.png

Publicar un vídeo

Para publicar un vídeo dende a sección de «Novas» o primeiro paso volve ser premer na caixa de texto. Podemos aproveitar e escribir xa unha mensaxe que acompañe posteriormente ao vídeo, ou simplemente deixar a caixa de texto en branco. Logo hai que premer na segunda das iconas que apareceron baixo a caixa de texto: a dos vídeos. Como consecuencia aparecerá o seguinte diálogo:

Do mesmo xeito que comentamos para as fotos, subir directamente contidos coa cámara web é innecesario (pódense gardar como ficheiros no computador e subilos posteriormente), polo que a continuación premeremos na segunda opción, «Cargar un vídeo». A continuación, igual que ao cargar unha foto, pedirásenos a ruta do ficheiro, e unha vez introducida debemos premer no botón de «Compartir» para publicar o vídeo.

Nótese que baixo o campo de texto para introducir a ruta ao vídeo aparecen unhas limitacións sobre o tamaño, duración e autoría do vídeo: ten que ser un vídeo de menos de 100 MiB, de como moito dous minutos de duración e ten que ser obra nosa ou duns amigos. E sobre o campo de texto suxírenos que confirmemos a nosa conta en Facebook para poder aumentar o límite. Se seguimos a ligazón azul que di «Confirma-la túa conta», descubriremos a sutileza coa que Facebook se fai cos números de telefono dos seus usuarios:

Por se alguén ten dúbidas, recomendamos encarecidamente non “confirmar a nosa conta” en Facebook. En vez de iso, de querermos publicar un vídeo no Facebook para o que o vexan os nosos amigos, o mellor é crear unha conta nun servizo de balde especializado na carga de vídeos e con límites menos estritos, como poden ser Youtube, Vimeo, etc. Logo poderemos ligalos directamente.

Publicar un evento

Na sección de novas tamén podemos publicar eventos ─aos que se entende que imos asistir─. Para facelo, abondará con premer a caixa de texto, escribir (ou non) algo relativo ao evento que imos publicar nela, e premer a terceira icona das catro que apareceron: a dos eventos. Ao premer nela aparecerá un formulario coma o seguinte:

Para publicar o anuncio do evento, abondará con encher os campos indicados e premer no botón de compartir. Por exemplo, María vai asistir a un concerto de Josh Woodward:

Non fai falla dicir que os eventos publicados por nós deberían ser de carácter público, coma festas, concertos, obras de teatro, etc. Os eventos persoais, coma ir ao cine coa parella ou ir ao dentista, non son contido “axeitado” para ser evento do Facebook.

Unha vez publicado un evento, créase unha páxina para dito evento que pode personalizarse e utilizarse para subir contido relativo ao evento, comunicarse con todos os asistentes, etc. Pero iso xa se verá máis adiante.

Publicar unha ligazón

A última das catro iconas que aparecen ao premer na caixa de texto da sección de «Novas» correspóndese coa das ligazóns. Ao premela aparecerá un cadro de texto como o seguinte:

As ligazóns permítenos amosarlle aos nosos amigos do Facebook calquera cousa que atopemos pola rede. Cando esteamos navegando pola rede e queiramos que os nosos amigos poidan ver o mesmo ca nós, abondará con copiar o URL que esteamos a visitar (o texto modificable da parte superior do navegador web). Unha vez copiado, pegarémolo na caixa de texto que nos apareceu antes ao premer na icona de ligazón, e a continuación dámoslle a «Engadir». Por exemplo, José atopou unha noticia interesante nun medio dixital, cuxo URL é http://www.galpon.org/drupal/content/alternativa-libre-rede-social-facebook, así que introduciuno, deulle a «Engadir», e apareceulle o seguinte:

De maneira automática Facebook obtén o título e un resumo do contido da nova (xeralmente o primeiro parágrafo). Asemade, analiza as principais imaxes do URL fornecido polo usuario, e dálle a escoller cal das imaxes do URL quere que acompañe á ligazón ao publicala, ou se pola contra non quere que se inclúa imaxe ningunha. Unha vez tomada a decisión sobre a imaxe, o usuario pode proceder a premer no botón de «Compartir», de xeito que todos os seus amigos verán a ligazón á nova que atopou.

Agora, da man de María, imos comprobar o doado que é publicar un vídeo en Facebook mediante unha ligazón. Navegando por Youtube, María atopou un vídeo curioso. Apuntou o seu URL (http://www.youtube.com/watch?v=UvJ6DRyzNHw), e seguindo o procedemento anterior premeu na icona de ligazón, pegou o URL e premeu en «Engadir». Despois escolleu a imaxe que máis lle gustaba para a ligazón e premeu finalmente en «Compartir». Este foi o resultado:

Para ver o vídeo, María e os seus amigos só teñen que premer na imaxe que aparece canda a ligazón, que automaticamente abre un reprodutor de Youtube na páxina de Facebook.

Mensaxes

Eventos

Amigos

O menú de «Amigos» do panel esquerdo da interface de Facebook permite xestionar todo o relativo aos nosos amigos, así como acceder a información sobre eles, e facilítanos atopar a outros amigos que tamén teñen unha conta en Facebook. Asemade, a cantidade de peticións de amizade aparece reflectida entre parénteses ao carón desta ligazón (cando hai algunha petición) do mesmo xeito que ocorre coa respectiva alerta.

Fotos

Ligazóns

Grupos

Notas

Perfil

«Perfil» é a información nosa que permitimos sexa consultada por os nosos amigos (ou máis xente se non configuramos correctamente a protección da nosa intimidade). É dicir, “o que outros ven”.

A Miña Conta

Outras cuestións

Xestionar solicitudes de amigos

Xa vimos antes como saber que tiñamos unha solicitude de amizade mediante a súa respectiva alerta. Agora toca ver como xestionar esas solicitudes de amizade (aceptalas ou denegalas). A pesar do que a palabra “xestionar” poida suxerir, a cousa é moi doada. Só con premer na icona das solicitudes de amizade accederemos a unha caixa coa lista de solicitudes de amizade actuais, na que poderemos aceptar («Confirmar») ou denegar («Ignorar») as distintas solicitudes de amizade.

Lendo as solicitudes de amizade en Facebook.png

Bloqueo de usuarios ou invitacións

Facebook permite aos seus usuarios bloquear a outros usuarios, así como bloquear invitacións a xogos ou eventos.

Bloquear a unha persoa consiste en cancelar a amizade con esa persoa, impedir que esta poda volver solicitarse, e impedir asemade calquera interacción con dita persoa, salvo aquelas interaccións que teñen lugar mediante os xogos de Facebook (que sería recomendable non utilizar dados os riscos para a protección da nosa intimidade que supón o seu uso).

Tamén se poden bloquear as invitacións dos nosos amigos a que participemos con eles en xogos, ou eventos. É habitual en Facebook que algúns “amigos” nos bombardeen con invitacións a eventos ou xogos, dunha maneira similar ao reenvío masivo de mensaxes que se fai a través do correo electrónico. No correo electrónico o sistema permite que terceiros recaden enderezos de persoas aos que poder enviar spam (ou correo non desexado). Pero en Facebook é simplemente algo molesto, do que probablemente queiramos librarnos. Así que en caso de que un dos seus amigos adopte o feo costume de enviarlle invitacións repetidamente que nunca lle interesan, teña en conta a posibilidade de bloquealo tal e como se explicará a continuación.

Levar a cabo un bloqueo, xa sexa dunha persoa ou só da súas invitacións (ben a eventos ben a xogos) non é difícil. En primeiro lugar haberá que acceder á páxina de configuración da protección da intimidade. Xa se explicou anteriormente como acceder a dita páxina manualmente, así que aquí limitarémonos a fornecer o seu URL, mediante o cal poderá acceder se xa ten a sesión iniciada: http://www.facebook.com/settings/?tab=privacy.

Unha vez alí, na parte inferior poderemos ver unha sección que di «Listas de bloqueados»:

Premendo na súa ligazón azul, «Modificar as túas listas», accederemos á seguinte páxina:

Como se pode observar, para bloquear completamente a un usuario podemos proceder ben mediante o seu correo electrónico ben polo seu nome de usuario. Para bloquear invitacións será necesario introducir o nome do usuario que as envía. Non fai falla dicir que bloqueando completamente a un usuario tamén se bloquearán as súas invitacións. Porén, como xa se dixo, poderá relacionarse connosco a través dos aplicativos de Facebook.

Correos electrónicos de Facebook

Xa houbo casos de correos electrónicos fraudulentos de Facebook, nos que simulando o formato dos correos oficiais de Facebook se procuraba conseguir a información de acceso a Facebook dos seus usuarios (o contrasinal). De pouco serve ter un bo contrasinal se por descoidarmos llo enviamos a quen non debemos, así que cómpre termos coidado cos correos recibidos.

Unha conduta razoablemente segura consiste en ignorar este tipo de correos. É dicir, en caso de recibir algún correo de Facebook non solicitado ou esperado (ou aínda nestes casos), o mellor é non seguir ningunha ligazón que conteña dito correo. Ditas ligazóns poderían levar ao usuario a páxinas que semellan ser Facebook pero en realidade non o son, e que permiten o roubo de contrasinais. Asemade, tampouco cómpre contestar estes correos nin seguir as súas instrucións. Se os correos solicitan o envío da nosa información a algures, sexa polo motivo que sexa (para evitar que nos borren a conta, ou similar) non debemos facer caso ao correo.

No seu lugar, o correcto é ─en caso de crer que o contido do correo electrónico é verídico─ entrar en Facebook manualmente (sen seguir ningunha das ligazóns do correo electrónico), e xa dende o Facebook actuar (por exemplo, confirmar que a conta vai caducar ou similar, que probablemente será falso).

Desactivar a conta