Uso xeral de Facebook

De GALPon WiKi

Bloqueo de usuarios ou invitacións

Facebook permite aos seus usuarios bloquear a outros usuarios, así como bloquear invitacións a xogos ou eventos.

Bloquear a unha persoa consiste en cancelar a amizade con esa persoa, impedir que esta poda volver solicitarse, e impedir asemade calquera interacción con dita persoa, salvo aquelas interaccións que teñen lugar mediante os xogos de Facebook (que sería recomendable non utilizar dados os riscos para a protección da nosa intimidade que supón o seu uso).

Tamén se poden bloquear as invitacións dos nosos amigos a que participemos con eles en xogos, ou eventos. É habitual en Facebook que algúns “amigos” nos bombardeen con invitacións a eventos ou xogos, dunha maneira similar ao reenvío masivo de mensaxes que se fai a través do correo electrónico. No correo electrónico o sistema permite que terceiros recaden enderezos de persoas aos que poder enviar spam (ou correo non desexado). Pero en Facebook é simplemente algo molesto, do que probablemente queiramos librarnos. Así que en caso de que un dos seus amigos adopte o feo costume de enviarlle invitacións repetidamente que nunca lle interesan, teña en conta a posibilidade de bloquealo tal e como se explicará a continuación.

Levar a cabo un bloqueo, xa sexa dunha persoa ou só da súas invitacións (ben a eventos ben a xogos) non é difícil. En primeiro lugar haberá que acceder á páxina de configuración da protección da intimidade. Xa se explicou anteriormente como acceder a dita páxina manualmente, así que aquí limitarémonos a fornecer o seu URL, mediante o cal poderá acceder se xa ten a sesión iniciada: http://www.facebook.com/settings/?tab=privacy.

Unha vez alí, na parte inferior poderemos ver unha sección que di «Listas de bloqueados»:

Premendo na súa ligazón azul, «Modificar as túas listas», accederemos á seguinte páxina:

Como se pode observar, para bloquear completamente a un usuario podemos proceder ben mediante o seu correo electrónico ben polo seu nome de usuario. Para bloquear invitacións será necesario introducir o nome do usuario que as envía. Non fai falla dicir que bloqueando completamente a un usuario tamén se bloquearán as súas invitacións. Porén, como xa se dixo, poderá relacionarse connosco a través dos aplicativos de Facebook.

Correos electrónicos de Facebook

Xa houbo casos de correos electrónicos fraudulentos de Facebook, nos que simulando o formato dos correos oficiais de Facebook se procuraba conseguir a información de acceso a Facebook dos seus usuarios (o contrasinal). De pouco serve ter un bo contrasinal se por descoidarmos llo enviamos a quen non debemos, así que cómpre termos coidado cos correos recibidos.

Unha conduta razoablemente segura consiste en ignorar este tipo de correos. É dicir, en caso de recibir algún correo de Facebook non solicitado ou esperado (ou aínda nestes casos), o mellor é non seguir ningunha ligazón que conteña dito correo. Ditas ligazóns poderían levar ao usuario a páxinas que semellan ser Facebook pero en realidade non o son, e que permiten o roubo de contrasinais. Asemade, tampouco cómpre contestar estes correos nin seguir as súas instrucións. Se os correos solicitan o envío da nosa información a algures, sexa polo motivo que sexa (para evitar que nos borren a conta, ou similar) non debemos facer caso ao correo.

No seu lugar, o correcto é ─en caso de crer que o contido do correo electrónico é verídico─ entrar en Facebook manualmente (sen seguir ningunha das ligazóns do correo electrónico), e xa dende o Facebook actuar (por exemplo, confirmar que a conta vai caducar ou similar, que probablemente será falso).