Diferencia entre revisiones de «Uso xeral de Facebook»

De GALPon WiKi
m
Línea 21: Línea 21:
  
 
[[Imagen:Información do perfil.png|center|480px]]
 
[[Imagen:Información do perfil.png|center|480px]]
 +
 +
:''Continuará...''
  
 
==Bloqueo de usuarios ou invitacións==
 
==Bloqueo de usuarios ou invitacións==

Revisión del 01:03 22 ago 2010

Primeiros pasos

Unha vez configurada a protección da nosa intimidade, é hora de dar os primeiros pasos nesta rede social. Procuraremos completar (tendo en conta as cuestións de seguridade persoal) os outros catro apartados que se nos amosaran inicialmente tras a creación da nosa conta en Facebook.

O primeiro apartado indícanos que busquemos amigos en Facebook que teñamos como contactos na nosa conta de correo. En teoría Facebook non garda o noso contrasinal, pero depende do usuario confiar ou non en que o cumpra. O que si cómpre considerar é se de verdade temos a necesidade de agregar a toda persoa que teñamos como contacto na nosa conta de correo electrónico. A miúdo buscar aos nosos verdadeiros achegados mediante o buscador de Facebook, ou pedíndolles a eles mediante sistemas alternativos que nos pidan a amizade (mediante mensaxería instantánea ou correo electrónico) resulta nunha experiencia máis persoal. E Facebook non se trata de chegar a 5.000 amigos, senón de relacionarse por medio da rede cos que de verdade o son.

Buscar contactos presentes en Facebook.png

En caso de confiar en Facebook, solicitarásenos o contrasinal do noso correo electrónico (que debería ser distinto do de Facebook, por suposto), e unha vez introducido Facebook amosaralos a lista de contactos que teñen unha conta en Facebook xa creada, e da lista poderemos elixir a quen agregar e a quen non. Unha vez escollida a xente que queiramos agregar como amigos, Facebook enviaralles as respectivas invitacións e ofreceranos enviarlles aos nosos contactos que non están en Facebook invitacións para unirse á rede social. Se quere que os seus amigos se unan á rede, o mellor sería que llo comunicase de maneira máis persoal por outro medio. Recibir este tipo de mensaxes pode resultar bastante molesto para o destinatario.

Máis adiante verase como buscar amigos.

O segundo apartado consiste en engadir ao noso perfil unha foto. Neste punto temos que pensar que a foto que colguemos estará dispoñible para calquera persoa, polo que nós recomendamos non subir ningunha, ou en todo caso subir unha que nada teña que ver connosco ─e por motivos legais que estea preferiblemente no dominio público─. Por exemplo, pode buscar unha fotografía que lle resulte interesante neste artigo da Wikipedia en castelán (na parte inferior amósanse ligazóns a moitas fontes de imaxes no dominio público). Cando teña (no seu disco duro, nun cartafol calquera) a imaxe que quere subir (se é que quere subir algunha), prema na ligazón que di «Cargar unha foto»:

Cargar unha foto para o perfil.png

Ao premer nela abrirase unha caixa de diálogo pedíndonos a ruta ao ficheiro da imaxe a subir. Simplemente teremos que premer no botón de «Examinar» (depende do navegador web dende o que se acceda) e buscar a imaxe no cartafol onde a deixamos. Unha vez escollida, subirase aos servidores de Facebook e poderemos vela. Preséntovos a María Dama de Coristanco:

O seguinte punto consiste en completar a nosa información do perfil, e aparece un botón que di «Editar Perfil». Premámolo, o que nos levará á seguinte páxina que poderemos (non “deberemos”) completar con información nosa.

Continuará...

Bloqueo de usuarios ou invitacións

Facebook permite aos seus usuarios bloquear a outros usuarios, así como bloquear invitacións a xogos ou eventos.

Bloquear a unha persoa consiste en cancelar a amizade con esa persoa, impedir que esta poda volver solicitarse, e impedir asemade calquera interacción con dita persoa, salvo aquelas interaccións que teñen lugar mediante os xogos de Facebook (que sería recomendable non utilizar dados os riscos para a protección da nosa intimidade que supón o seu uso).

Tamén se poden bloquear as invitacións dos nosos amigos a que participemos con eles en xogos, ou eventos. É habitual en Facebook que algúns “amigos” nos bombardeen con invitacións a eventos ou xogos, dunha maneira similar ao reenvío masivo de mensaxes que se fai a través do correo electrónico. No correo electrónico o sistema permite que terceiros recaden enderezos de persoas aos que poder enviar spam (ou correo non desexado). Pero en Facebook é simplemente algo molesto, do que probablemente queiramos librarnos. Así que en caso de que un dos seus amigos adopte o feo costume de enviarlle invitacións repetidamente que nunca lle interesan, teña en conta a posibilidade de bloquealo tal e como se explicará a continuación.

Levar a cabo un bloqueo, xa sexa dunha persoa ou só da súas invitacións (ben a eventos ben a xogos) non é difícil. En primeiro lugar haberá que acceder á páxina de configuración da protección da intimidade. Xa se explicou anteriormente como acceder a dita páxina manualmente, así que aquí limitarémonos a fornecer o seu URL, mediante o cal poderá acceder se xa ten a sesión iniciada: http://www.facebook.com/settings/?tab=privacy.

Unha vez alí, na parte inferior poderemos ver unha sección que di «Listas de bloqueados»:

Premendo na súa ligazón azul, «Modificar as túas listas», accederemos á seguinte páxina:

Como se pode observar, para bloquear completamente a un usuario podemos proceder ben mediante o seu correo electrónico ben polo seu nome de usuario. Para bloquear invitacións será necesario introducir o nome do usuario que as envía. Non fai falla dicir que bloqueando completamente a un usuario tamén se bloquearán as súas invitacións. Porén, como xa se dixo, poderá relacionarse connosco a través dos aplicativos de Facebook.

Correos electrónicos de Facebook

Xa houbo casos de correos electrónicos fraudulentos de Facebook, nos que simulando o formato dos correos oficiais de Facebook se procuraba conseguir a información de acceso a Facebook dos seus usuarios (o contrasinal). De pouco serve ter un bo contrasinal se por descoidarmos llo enviamos a quen non debemos, así que cómpre termos coidado cos correos recibidos.

Unha conduta razoablemente segura consiste en ignorar este tipo de correos. É dicir, en caso de recibir algún correo de Facebook non solicitado ou esperado (ou aínda nestes casos), o mellor é non seguir ningunha ligazón que conteña dito correo. Ditas ligazóns poderían levar ao usuario a páxinas que semellan ser Facebook pero en realidade non o son, e que permiten o roubo de contrasinais. Asemade, tampouco cómpre contestar estes correos nin seguir as súas instrucións. Se os correos solicitan o envío da nosa información a algures, sexa polo motivo que sexa (para evitar que nos borren a conta, ou similar) non debemos facer caso ao correo.

No seu lugar, o correcto é ─en caso de crer que o contido do correo electrónico é verídico─ entrar en Facebook manualmente (sen seguir ningunha das ligazóns do correo electrónico), e xa dende o Facebook actuar (por exemplo, confirmar que a conta vai caducar ou similar, que probablemente será falso).