Creación e eliminación dunha conta en Twitter
A continuación explicaranse os pasos necesarios para a creación e maila eliminación dunha conta en Twitter.
Creación dunha conta
Para crear unha conta en Twitter, o primeiro é dirixirse ao seu sitio web. Dado que este non conta cun portal en galego, traballaremos de aquí en diante coa súa versión en castelán, á que se pode acceder mediante o URL twitter.com/?lang=es. O seu aspecto é o seguinte:
Para iniciar o proceso de rexistro dunha nova conta deberemos premer no gran botón laranxa que aparece na parte dereita da páxina e que di «Regístrate». Isto levaranos á seguinte páxina, que contén un formulario de rexistro cunha serie de campos que deberemos encher:
O nome completo («Nombre completo») será o que van ver o resto de usuarios da rede social e que dará título ao noso perfil de usuario de Twitter. Twitter foi desenvolvido inicialmente por estadounidenses, que xeralmente só teñen un apelido, polo que a lonxitude máxima deste campo está bastante limitada. Que que significa isto? Que probablemente só podamos introducir o noso nome e primeiro apelido, ou nalgúns casos só o nome. O alcume («Nombre de usuario») que permitirá que outros usuarios fagan referencia a nós nas súas mensaxes ─polo que mellor que sexa curto e estea escrito en letra minúscula─, e definirá asemade a forma do URL do noso perfil en Twitter, «http://twitter.com/alcume». Á hora de introducir o contrasinal («Contraseña») cómpre termos en conta os capítulos ao respecto, e deberemos ter moito tino ao escribilo dado que só imos introducilo neste formulario unha vez.
No cuarto campo («Correo electrónico») deberemos introducir unha conta de correo electrónico, na que posteriormente recibiremos información sobre a actividade en Twitter (se o configuramos para tal), ou mediante a cal imos poder recuperar a nosa conta de Twitter en caso de perdermos o contrasinal. Respecto da caixa marcada que di «Deja que otros me encuentren por correo electrónico», probablemente sexa mellor deixala marcada, de xeito que os nosos familiares, amigos e demais xente que coñeza o noso enderezo de correo electrónico poida atoparnos utilizándoo, en vez de buscar polo noso nome ─dado que pode haber varios usuarios que teñan o mesmo nome, pero nunca o mesmo enderezo de correo electrónico─.
Unha vez lidas as condicións xerais de Twitter («Condiciones generales») e desmarcada a caixa que aparece na parte inferior da páxina e que di « ¡Deseo recibir exclusivas y novedades por correo electrónico!», poderemos proceder a crear unha conta cos datos introducidos premendo no botón gris que di «Crear mi cuenta».
A continuación aparecerá un cadro no que se nos permitirá que introduzamos nunha caixa de texto o texto que aparece nunha imaxe ─para asegurarse de que non somos un robot─. Así que farémolo, e premeremos en «Terminar».
A continuación apareceranos unha páxina na que se nos presentarán uns primeiros pasos a seguir para introducirnos na rede social. Isto xa o faremos máis adiante, á hora de facer uso de Twitter. O que nos interesa agora é confirmar que a conta de correo indicada no formulario anterior é realmente a nosa, así que deberemos ir ao noso correo electrónico. Debeunos chegar unha mensaxe de Twitter ─de non ser o caso, agarde un pouco─. A mensaxe contén un URL que deberemos cargar nun navegador web. Ao facelo, apareceranos a nosa páxina de inicio de Twitter, e na parte superior aparecerá unha mensaxe indicando que a nosa conta de correo electrónico foi confirmada.
Xa temos conta en Twitter!
Eliminación dunha conta
Para borrar unha conta de Twitter, con todos os datos que esta orixinou, hai que acceder á páxina de configuración da nosa conta.
Unha vez alí, na parte inferior da primeira lapela aparecerá unha ligazón que di «Desactivar la cuenta». Unha vez premida, cargarase a seguinte páxina:
Logo de premer o botón «Bien, borra mi cuenta», pedirásenos o contrasinal para confirmar a nosa identidade antes de proceder. Unha vez introducido, poderemos premer «Desactivar cuenta» para eliminar finalmente a conta.
Autor: Gallaecio 16:26 2 oct 2010 (UTC)