Creación e eliminación dunha conta en Facebook

De GALPon WiKi

A continuación explicaranse os pasos necesarios para a creación e maila eliminación dunha conta en Facebook.

Non se explican porén os pasos para a súa desactivación e posterior reactivación, pois considéranse estes parte do uso da conta, dado que os datos do usuario permanecen nos servidores de Facebook.

Creación dunha conta

Para crear unha conta en Facebook, o primeiro é dirixirse ao seu sitio web. Este conta cun portal en galego ao que se pode acceder dende o URL gl-es.facebook.com. O seu aspecto é o seguinte:


Para crear unha conta abonda con encher os campos que se amosan baixo o título «Rexistrarse», e a continuación premer abaixo no botón verde que reza de novo «Rexistrarse».

O formulario non é difícil de cubrir. É necesario introducir un nome, uns apelidos, un correo electrónico, un contrasinal, o sexo da persoa e mailo seu ano de nacemento.

O correo electrónico debe escribirse dúas veces no formulario, e debe existir previamente. Se ten algunha conta de correo electrónico, asegúrese de que ten acceso a ela. Se non a ten, créea1. En calquera caso, cómpre ter aberta a caixa de entrada do correo electrónico, pois recibirase un correo de Facebook en canto se prema o botón de «Rexistrarse».

Por suposto, o contrasinal debería ser seguro2.

O “normal” sería crear unha conta cos nosos datos reais, se ben as imaxes que acompañan esta documentación demostran o fácil que é suplantar unha identidade ou crear unha da nada nesta (ou en calquera outra) rede social.

A continuación presentarásenos unha imaxe con dúas palabras (en inglés ou ficticias) que deberán escribirse a continuación da imaxe. O obxectivo disto é demostrarlle a Facebook que o rexistro o está a efectuar unha persoa real, pois en teoría un robot informático non debería ser capaz de pasar a proba.

Non se preocupar se non se ve claro o texto da imaxe. En caso de equivocarse ao escribir as palabras, simplemente amosarase outra imaxe. En caso de que a imaxe non se vea correctamente, pode premerse sobre a ligazón «Proba con outras palabras». E para as persoas cegas, existe tamén unha comprobación de seguranza sonora, tal e como se indica antes da imaxe de comprobación.

Unha vez se escriban as palabras, debe premerse o botón de «Rexistrarse» unha última vez.

A continuación darásenos a oportunidade de darlle a Facebook acceso á nosa conta de correo electrónico para buscar os correos electrónicos de xente de Facebook e utilizar ditos enderezos de correo electrónico para suxerirnos “amigos”.

Unha vez obtida a información sobre os contactos que se posúen na conta de correo electrónico, Facebook non garda o noso contrasinal. Porén, a información dos contactos almacénaa a fin de suxerirlle amigos a vostede, así como aos seus contactos. Queda a escolla do usuario se permitirlle ou non a Facebook acceder a dita información.

En caso de permitirlle a Facebook acceder a dita información, sempre pode eliminar dita información da base de datos de Facebook. As instrucións atópanse na seguinte ligazón: www.facebook.com/contact_importer/remove_uploads.php3.

Porén, sempre pode «Saltar este paso».

A continuación solicitaráselle outra información persoal que axude a atopar xente en Facebook que vostede podería coñecer. Concretamente, poderá introducir o seu instituto, a súa universidade e a súa empresa. Os tres campos son por suposto opcionais, e pode «Saltar» este paso.

Se lle gustaría atopar en Facebook compañeiros (actuais e antigos) dalgún deses lugares, introduza o nome do lugar. En caso contrario, deixe en branco os campos que non lle interese encher. Unha vez enchidos os campos que queira, prema en «Gardar e continuar».

No terceiro paso suxerirásenos engadir unha foto ao noso perfil. Esta será a foto que nos identifique na rede social ─como pode ser a do DNI, pero sen restricións─. Pódese «Saltar» este paso e deixar o perfil sen foto ─pódese cargar unha posteriormente─, ou engadir unha foto, ben unha presente no computador dende o que se está accedendo a Facebook, ou ben tomando unha directamente coa cámara web, en caso de dispor dunha.

Se ben a práctica habitual en Facebook consiste en que a foto do perfil sexa unha foto da persoa que posúe a conta, ou polo menos que dita persoa apareza na foto, non hai obstáculos á hora de elixir unha foto, e pódese cargar unha foto da nosa mascota, dun peluche, ou mesmo dunha paisaxe. A decisión dependerá completamente do usuario.

En caso de escoller unha foto, unha vez cargada en Facebook prema o botón azul da parte inferior para «Gardar e continuar».

A continuación debería aparecer unha páxina similar á seguinte:


Nestes momentos hai dúas cousas que facer antes de empezar a facer uso “real” de Facebook: completar o proceso de rexistro da conta en Facebook e configurar as opcións de intimidade da mesma.

Para completar o proceso de rexistro da conta de Facebook haberá que acceder á caixa de entrada do correo electrónico co que nos rexistramos en Facebook. Nel deberiamos ter un correo novo de Facebook como o seguinte:

Para confirmar que a conta de correo fornecida a Facebook nos pertence, abondará con premer no botón verde que di «Rexistro finalizado», ou seguir a ligazón azul que aparece á esquerda do botón, despois do texto en letra grosa. Ao seguir a ligazón, volveremos á páxina na que estabamos, só que esta vez desaparecerá a mensaxe do cadro amarelo que nos pedía que confirmásemos a conta de correo electrónico.

A partires deste momento podemos dar a conta por creada.

Eliminación dunha conta

Para borrar unha conta de Facebook, con todos os datos que esta orixinou, hai que acceder ao seguinte URL e seguir as instrucións indicadas: https://ssl.facebook.com/help/contact.php?show_form=delete_account.

Cómpre aínda así ter en conta a política de protección da intimidade de Facebook, na que se menciona que Facebook poderá manter os datos dunha conta tras a súa eliminación durante 90 días, ou que os contidos compartidos con outros usuarios poderían non borrarse.

Notas

  1. A creación dunha conta de correo electrónico escapa aos obxectivos desta documentación.
  2. A creación dun contrasinal seguro explícase nos artigos ao respecto.
  3. Para poder visualizar dita páxina é necesario acceder previamente á conta de Facebook dende o mesmo navegador web dende o que se accede á páxina.

Autor: Gallaecio 21:00 26 ago 2010 (UTC)