Configuración da intimidade en Twitter
É o momento de configurarmos a intimidade da nosa conta de Twitter, algo fundamental antes de empezarmos a darlle uso. Rara é a rede social en que os valores predeterminados son os que realmente busca o usuario medio.
Para comezar deberemos acceder a «Usuario1 → Configuración → Cuenta».
Archivo:Menú de usuario.png | Archivo:Configuración → Cuenta.png |
Unha vez aquí, deberemos ir á parte inferior da páxina, á sección «Privacidad de tweet», onde marcaremos a caixa «Proteger mis tweets» para que as mensaxes que publiquemos en Twitter só as poidan ler aquelas persoas que nós queiramos. Unha vez feito premeremos no botón da parte inferior que di «Guardar».
Outro elemento importante desta páxina relativo á nosa intimidade é o da sección «Ubicación de tweet». Deberemos asegurarnos de que a caixa non estea marcada. Isto é porque en caso contrario, cada vez que publiquemos unha mensaxe en Twitter, calquera poderá saber dende onde o fixemos.
Pode que unha persoa que sempre publica as mensaxes dende casa non entenda a importancia disto. Pero nunha sociedade na que prolifera o uso de dispositivos móbiles para conectarse á rede de redes, son moitas as persoas que publican en Twitter dende o teléfono móbil ou dispositivos similares, e os que non o fan probablemente o acaben facendo. Isto significa que con que publiquemos dende un sitio que non sexa a nosa casa xa estaremos fornecendo información fiable sobre o lugar onde estamos de maneira non intencionada.
Se queremos dicir onde estamos nunha mensaxe, dispoñemos de 140 caracteres para expresalo. Non fai falla converter as nosas mensaxes en migallas de pan que calquera usuario de Twitter poida seguir.
Dado que a única finalidade desta rede social consiste en compartir mensaxes, aquí remata o proceso de configuración da intimidade en Twitter. Difícil, non si?
Notas
- Usuario aquí refírese ao nome do usuario, non a que apareza a palabra «Usuario», tal e como pode verse na imaxe que aparece a continuación.
Autor: Gallaecio 18:28 9 oct 2010 (UTC)